«A cámara do sangue e outros relatos», de Angela Carter, no Sete Vidas de abril

Este xoves 4 de abril o Sete Vidas reunirase ás 20:00 na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas) ao redor de «A Cámara do Sangue e outros relatos» de Angela Carter (Urco Editora). Trátase dunha antoloxía de dez relatos baseados en contos tradicionais, recompostos desde unha posición feminista e crítica. Contaremos coa presenza dos editores Andrea Jamardo e David Cortizo.

O pasado 14 de marzo o Sete Vidas reuniuse para falar de «Canción de solpor», do autor escocés Lewis Grassic Gibbon, editada por Irmás Cartoné. A novela, elixida en 2005 como a mellor obra da literatura escocesa, gustou moito entre os asistentes. Concordamos no gran lirismo que destilan as súas descricións das terras escocesas e nos abraiantes paralelismos, aínda que en distintas épocas, entre Escocia e Galicia no que afecta á transformación e decadencia do agro. Na segunda hora acompañounos Celia Recarey, tradutora da obra. Celia contounos moito sobre as dificultades na tradución pola abundancia de expresións, léxico e xiros do escocés. Tamén comentamos e debatemos sobre a situación do sistema literario galego dende a óptica dunha editorial pequena. Estas son as imaxes dese día:

Sete Vidas 14/03/19