“A Carreta do diaño” no Lecturas Debuxadas

A lectura proposta para o próximo Club Lecturas Debuxadas será “A carreta do diaño”, X Premio “Castelao” de banda deseñada. Unha orde relixiosa vai percorrendo na súa carreta os camiños marcados por un mapa que leva ás portas do paraíso. O Santo Oficio e un soldado misterioso crúzanse no camiño da carreta sen saber moi ben onde vai rematar o camiño.

Será por videoconferencia, o mércores 24 de febreiro, a partir das 20:00h. O enlace da videoconferencia enviarase a través do grupo de Telegram. Para apuntarse no grupo de Telegram, e participar na actividade, hai que enviar un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com

Na sesión de xaneiro do Club Lecturas Debuxadas falamos de “O derradeiro libro de Emma Olsen”, a adaptación á BD do libro de Berta Dávila da man de Pablo Prado.

O cómic resulta unha xenial adaptación da novela, conservando toda a súa potencia e o seu espírito poético.

Conserva tamén toda a dureza e a carga dramática desta historia de adolescencia, confusión e fuxida. Ao longo de 80 páxinas, Pablo Prado narra dun xeito moi completo e conta moito, resultando unha BD densa por contido, pero que se le a bo ritmo. Coa axuda dunha historia realmente potente, engancha e conmove plenamente.

Destaca tamén o apartado gráfico, con grande emprego de variedade de encadramentos e composicións, un trazo definido e un uso das cores potentes, brillantes, que atrapan a atención e axudan a levar a carga emocional ao lector.

O autor acompañounos na segunda hora, na que nos explicou con gran detalle o seu proceso creativo, e mostrounos deseños, documentación, story boards… e tamén nos falou doutras obras e colaboracións.

Club Lecturas Debuxadas 20/01/2021