A Fogueira dos Versos volverá acenderse na noite de San Xoán

A noite do 23 de xuño Espazo Lectura celebrará un san Xoán diferente coa oitava edición de A Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración tradicional desta data (con comida, lumieira e música tradicional), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo musical que este ano estaba previsto que correse a cargo do home orquestra Ce Orquetra Pantasma, pero que, por un incidente de última hora, tivemos que reprogramar de xeito que será o músico Magín Blanco quen nos acompañe con contos e música.
A Fogueira dos Versos celébrase na Casa da Lectura a partir das 21:00 horas. As persoas que se animen a participar poden contribuír á festa traendo das súas casas algo de comida.
Coa Fogueira dos Versos Espazo Lectura cerra unha nova tempada de actividades centradas no fomento do libro e a lectura en Gondomar. Unha tempada que grazas ao traballo voluntario das persoas que conforman a asociación mantivo o volume de actividades destinadas a todos os públicos e de todos os treitos de idade.

Todas as actividades de Espazo Lectura retomaranse tras o verán.