Club de Lectura Sete Vidas publicado por

A literatura xaponesa inaugura a terceira tempada do Sete Vidas

A literatura xaponesa inaugura a terceira tempada do Sete Vidas

Este martes, 5 de outubro, retomamos as sesións do club de lectura Sete Vidas centrado en títulos de narrativa. A partir das 20.00 horas, as persoas que queiran achegarse á Biblioteca de Gondomar poderán compartir impresións sobre a novela que inaugura a terceira tempada do club. Trátase de Kitchen, da autora xaponesa Banana Yoshimoto (editorial Rinoceronte).

Encontro coa tradutora

A partir das 21.00h estará connosco a tradutora da novela, Mona Imai, quen asumiu o reto de traducir a obra do xaponés ao galego. Poderemos falar con ela arredor do libro e do seu traballo de tradución.

O libro

Estrañamente, a cociña é o lugar onde Mikage se sente máis arroupada tras a morte da súa avoa, única persoa coa que vivía. Un día, un mozo veciño chama á súa porta e ofrécelle que vaia vivir con el e coa súa nai durante un tempo. Cando o mozo lle confesa que a súa nai non é realmente a súa nai, os dous inician unha profunda amizade.

Banana Yoshimoto narra unha historia do Xapón contemporáneo, cunha delicadeza que embeberá por completo o lector nesta obra, tanto na súa cara dramática como na beleza con que debuxa a amizade e o amor.

A autora

Banana Yoshimoto (Toquio, 1964) é unha das escritoras xaponesas máis relevantes dos últimos anos. Licenciada en literatura na Universidade de Nihon, debutou con Kitchen, novela escrita na súa época estudantil e que supuxo o descubrimento dunha autora de gran sensibilidade. Filla dun coñecido pensador e poeta, Banana Yoshimoto escribiu novelas, relatos e ensaios, caracterizados pola insólita sensibilidade e delicadeza con que aborda os temas do amor, a amizade, a soidade e a morte. Entre outros galardóns nacionais e internacionais obtivo os premios Kaien, Izumi Kyoka, Yamamoto Shugoro, Murasaki Shikibu, Newcomer Writers Prize, Premios Scanno, Premio Fendissime, etc.


Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com