A novela austríaca «Mocidade sen deus», no Sete Vidas de febreiro

Este xoves, día 1 de febreiro, celebraremos unha nova tertulia do Sete Vidas arredor da novela «Mocidade sen deus», derradeira obra do escritor austríaco Ödön von Horváth e que lle custaría o exilio. Editada en galego por Irmás Cartoné, é unha novela escrita en 1937 e prohibida polo réxime nazi en 1938. Nela ofrécesenos un relato, sutil e cru a un tempo, do imparable avance do pensamento totalitario no seu tempo, do paulatino embrutecemento dunha sociedade.
Falaremos da novela e tamén da tradución, polo que estará con nós, a partir das nove, a súa tradutora, Patricia Buxán. Nesta ocasión a tertulia será de novo no café Keik, na rúa das Ánimas de Gondomar, a partir das 20:00 h, coma sempre.

No Sete Vidas de xaneiro falamos co seu autor sobre a novela A arte de trobar, de Santiago Lopo, Premio Xerais de Novela 2017. Antes da chegada do autor pasamos unha hora moi entretida debatendo sobre a historia, que non deixou indiferente a ninguén. Situada no século XIII e coa persecución dos cátaros de fondo, a novela fálanos das cantigas medievais, da súa creación e transmisión, da súa viaxe de boca en boca, de artista en artista, dende a Occitania, pasando pola Península ata chegar ó mar de Vigo. Na novela tamén destacan os personaxes femininos fortes, que deron moito que falar entre os membros do Sete Vidas. Na segunda parte contamos con Santiago Lopo, que respondeu todas as nosas dúbidas e explicou o proceso de escritura da novela e como se documentou. Para rematar unha estupenda sesión, contra as nove e media da noite recibimos agradecidos a visita “sorpresa” de Luís Correa, O Caruncho, que interpretou á zanfona a cantiga VI de Martín Codax e nos acompañou na tertulia. Grazas ao café Keik por cedernos un espazo para a xuntanza do club.

Estas son as imaxes dese día:
Sete Vidas, 2018/01/11