A X Fogueira dos Versos, na noite de san Xoán, pecha a tempada 16-17 de Espazo Lectura

A noite do 23 de xuño a asociación Espazo Lectura celebrará, un ano máis, un san Xoán alternativo con A Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración popular desta data (con comida e cacharela), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo cultural que este ano correrá a cargo de Peter Punk, membro da cooperativa galega de artistas Charlatana, quen nos mostrará a súa destreza (ou non) con elementos que van aparecendo da súa maleta: pelotas, un prato chinés, fachos de lume…

A Fogueira dos Versos celébrase na Casa da Lectura a partir das 21:00 horas. As persoas que se animen a participar poden contribuír á festa con achegas gastronómicas traídas das súas casas para compartir.

Coa Fogueira dos Versos, Espazo Lectura pecha unha nova tempada de actividades centradas no fomento do libro e a lectura en Gondomar. Unha tempada que, malia as dificultades do momento e grazas ao traballo voluntario das persoas que conforman a asociación, conseguiu manter o número de actividades estables.

Vémonos na Fogueira!

001 CARTEL CHUNGO QTC