Ábrese o prazo de inscrición para a IX Noite na Biblioteca

Na noite do sábado 21 ao domingo 22 de maio de 2016 Espazo Lectura vai organizar na Biblioteca Municipal de Gondomar a IX Noite na Biblioteca, que este ano vai ser unha noite de festa e baile na que van colaborar como monitores e monitoras os membros do Comando Le de Espazo Lectura. Poderán inscribirse nenos e nenas que estean cursando este ano Educación Primaria e que participasen ao longo do curso nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (Contomar, Casa da Lectura ou club de lectura compartida Lendo Contigo) ou sexan fillos e fillas de socios de Espazo Lectura.

Para inscribirvos, podedes mandar un correo electrónico a espazolectura@gmail.com ou chamar ao 608087119. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. O prazo para inscribirse remata o luns 16 de maio de 2016. Logo de enviar a vosa solicitude, debedes agardar unha confirmación da praza.

Os nenos e nenas que participen chegarán á biblioteca o sábado 21 ás 21:30h, logo de cear, e estarán listos para que os recollades o domingo 22 ás 10:00h. Deben traer saco de durmir, un pixama, unha muda e as súas cousas de aseo. Como veñen á biblioteca despois de cear, non teñen que traer comida, aínda que se agradece que, se podedes, traiades algún biscoito para acompañar no almorzo. O que si teñen que traer son moitas ganas de divertirse e de pasalo ben na nosa noite de baile na que haberá xogos, poemas, contos, música e cancións…

Deixámosvos coas fotos da Noite na Biblioteca do ano pasado, organizada tamén coa colaboración dos mozos e mozas do Comando Le.