Acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria de Espazo Lectura

A Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación Espazo Lectura, reunida en Gondomar o día 6 de maio de 2017, toma o seguinte acordo:

Reiterarlle ao goberno municipal que dea cumprimento ao mandato do Pleno do Concello de Gondomar do día 6 de abril, que aprobou a necesidade de que o alcalde recupere o diálogo con Espazo Lectura, para o que, entendemos, precisa convocar a unha reunión ás persoas responsables da asociación, a fin de iniciar un proceso de colaboración que sexa produtivo para conseguir estes dous obxectivos:

  1. Restablecer as condicións que impiden neste momento a realización das diversas actividades infantís que Espazo Lectura viña desenvolvendo na Biblioteca Municipal ata o pasado 27 de marzo.
  2. Poñer en marcha, co pertinente asesoramento técnico, un plan de mellora da biblioteca municipal, elaborado desde o consenso con Espazo Lectura e establecendo prazos e prioridades para que nun futuro a vila de Gondomar poida contar coa biblioteca que merece.

Espazo Lectura faralle chegar esta petición ao alcalde e ao seu equipo o día seguinte da celebración desta asemblea, coa esperanza de que o Concello de Gondomar se aveña ao diálogo e á razón. Se o día 25 de maio non se atendeu esta demanda, Espazo Lectura suspenderá a realización na Biblioteca Municipal de todas as actividades, incluídas as de adultos, para a vindeira tempada. Así mesmo, Espazo Lectura renunciará á reserva de crédito anual de 5.000 euros que o concello de Gondomar ten asignada para o apoio desas actividades.

Ademais, Espazo Lectura propón que, no caso de que nos vexamos obrigados a suspender indefinidamente as actividades na Biblioteca Municipal, á espera de que as condicións, tanto de comunicación como de instalacións melloren, se continúe coa reivindicación dunha Biblioteca digna para Gondomar (bibliotecario/a, orzamento estable, mellora da accesibilidade, fondos, etc.) mediante o deseño dunha campaña que se poñerá en marcha nos próximos meses.

A Asemblea Xeral Extraordinaria de Espazo Lectura

Gondomar, 6/05/2017