Actividades para os centros de ensino

00_Centros_ensino_CabeceiraAsesoramento e actividades de fomento da lectura para os centros de ensino que son socios protectores

Desde a súa creación, Espazo Lectura procurou establecer unha estreita liña de colaboración cos centros de ensino da comarca. Con ese obxectivo, moitos do colexios e institutos da zona fixéronse socios protectores e comprometéronse a distribuír entre as familias do seu alumnado a programación de actividades da asociación, que chega así a unhas dúas mil familias da zona. Para agradecer este apoio, Espazo Lectura está sempre aberta a colaborar cos centros de ensino ofrecéndolles materiais e actividades de apoio ao fomento da lectura dirixidas ás familias do alumnado, como a publicación de Lendo en familia. Guía de orientacións, consellos e recomendacións para as familias, a campaña Onde hai libros, hai futuro, que incluíu charlas para as familias sobre o necesario traballo de apoio ao fomento da lectura que debe realizarse desde a casa, ou as xornadas Lendo en Familia.

Ademais, Espazo Lectura ofrécelles anualmente aos centros de ensino sesións de contacontos realizadas polo equipo de voluntariado da asociación. Inicialmente estas sesións realizábanse nos propios centros de ensino a través de diferentes propostas dirixidas a distintos niveis educativos; así, por exemplo, no curso 2009-2010 chegaron a facerse 30 sesións de tres espectáculos diferentes aos que asistiron uns 1500 nenos e nenas.  Nestes últimos anos, as sesións centralizáronse na Casa da Lectura ou na Biblioteca Municipal e son os centros de ensino os que asisten co seu alumnado ás sesións de dinamización que preparamos.

Para Espazo Lectura esta liña de colaboración cos centros de ensino resulta fundamental pois contribúe a facer chegar a moitas casas a información das actividades e o espírito de fomento da lectura como axente socializador, ao tempo que crea unha interesante dinámica de intercambio de información e propostas coas bibliotecas escolares dos centros educativos.