Agustín Fernández Paz manterá un encontro virtual cos participantes no club de lectura compartida Lendo Contigo

Agustín Fernández Paz manterá un encontro virtual cos participantes no club de lectura compartida Lendo Contigo

Nas sesións do club de lectura compartida Lendo Contigo un dos elementos máis motivadores e atractivos para os nenos e nenas que participan é poderen establecer un diálogo cos autores e autoras dos libros que len.

Nesta ocasión, o atractivo do encontro con Agustín Fernández Paz, o autor de Valados, tamén estará na fórmula utilizada. Convertiremos a biblioteca nun espazo virtual para que, por primeira vez, os asistentes á actividade teñan a oportunidade de conversar co autor a través de videoconferencia, nunha experiencia novidosa que une a lectura coas novas tecnoloxías.

Ao comezo da sesión, e axudados pola guía de lectura que Espazo Lectura lles proporcionou ás familias, falaremos sobre Valados, o libro proposto. A continuación, teremos un encontro virtual con Agustín Fernández Paz durante o cal os nenos e nenas poderán facerlle todas aquelas preguntas que lles xurdisen tras a lectura do libro. O acto, enmarcado na celebración do Día escolar da non violencia e pola paz, pecharase coa proxección dun audiovisual sobre os muros existentes no mundo con guión literario do propio Fernández Paz.

A actividade celebrarase o sábado 30 de xaneiro, a partir das 12.00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Facebook Twitter Digg Email

1 Comment

  • Como pai de fillos de 6 e 7 anos teño que dicir que un tema que parece indicado para mais edade, a traves de este libro de ” valados” os nenos consiguen entender bastante isto que tanto nos debería avergonzar e que incluso a nos nos parece mentira que exista.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com