Agustín Fernández Paz, protagonista do club Sete Vidas


O escritor Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura 2008 e recente Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, participará este martes, 8 de novembro, no club de lectura Sete Vidas para falar cos lectores e lectoras da súa última novela (a primeira destinada a público adulto) Non hai noite tan longa (Xerais, 2011).

Na primeira parte da sesión, de 20.00 a 21.00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor, Agustín Fernández Paz, se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.

O libro
Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar. O encontro coa ánima do seu pai, na desolada casa familiar cambiaralle a vida para sempre. En Non hai noite tan longa atopamos os ecos dos temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. Unha obra de lectura engaiolante, debedora das técnicas da novela negra, que ofrece unha minuciosa indagación moral e unha ácida ollada crítica sobre a nosa sociedade en dous momentos da historia próxima: os últimos anos da ditadura e os primeiros do século XXI. Mais tamén, como acuñou Shakespeare nunha das pasaxes máis citadas de Macbeth -«Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día»-, esta obra propón unha mensaxe de confianza no futuro e na recuperación da dignidade das persoas. Unha novela que non ha deixar a ninguén indiferente.

O autor
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Como narrador ten publicado, entre outras obras: Contos por palabras (1991, 2010), Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992; Rapazas (1993, 2003), relatos; Trece anos de Branca (1994), novela, Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; Cartas de inverno (1995, 2007), novela, Premio Ranolas ao mellor libro xuvenil de 1995; Amor dos quince anos, Marilyn (1995, 2001), relatos; O centro do labirinto (1997), novela; Aire negro (2000, 2009), novela, Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; Noite de voraces sombras (2002), novela; Tres pasos polo misterio (2004), relatos; Corredores de sombra (2006), novela, Premio Frei Martiño Sarmiento 2007; O Único que queda é o amor (2007), relatos, Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil 2008, Premio Neira Vilas da AGE 2007, Premio da AELG 2008, Premio Frei Martiño Sarmiento 2008; Lúa do Senegal (2009), novela, Premio da AELG 2010; Non hai noite tan longa (2011), novela e Fantasmas de luz (2011), novela. A maior parte da súa obra esta traducida a todas as linguas ibéricas, ademais de ao coreano, árabe e francés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003), outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia; o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), outorgado pola Asociación Galega de Editores, e a Letra E (2009) da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nos anos 2009 e 2011 foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award. En 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *