Ángeles Alvariño, e outras mulleres científicas, protagonistas na Casa da Lectura

A sesión de dinamización lectora deste mércores 18 de abril xirará arredor da figura da oceanógrafa Ángeles Alvariño e doutras mulleres do ámbito científico. A actividade, dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos, comeza ás 18:00 horas e desde media hora antes aténdese o servizo de préstamo bibliotecario.

A semana pasada contamos coa colaboración de Patricia, profesora da Universidade de Vigo, e Pepe, membro do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, que nos trouxeron unha marabillosa proposta científico-literaria arredor dos cabaliños de mar. Con eles, introducímonos no mundo submarino co conto “Don cabaliño de mar”, que nos contaron utilizando un kamisivai e un monicreque de pau. Espectacular! Ademais, puidemos ver varias pezas audiovisuais sobre estes animais. Para finalizar, admiramos detidamente unha serie de láminas que ilustraban a variedade existente de cabaliños de mar e peixes pipa, que nos permitiron coñecer como é a ilustración científica. Tamén vimos mostras de artemia viva e de cabaliños desecados en distintas fases de crecemento. Por último, adornáronnos cunha fabulosa tatuaxe de cabaliño mariño. Unha sesión fabulosa!

Casa da Lectura, 2019/04/11