Antonio Manuel Fraga visita o primeiro Lendo Contigo de 2016

O sábado 30 de xaneiro o club de lectura compartida Lendo Contigo celebra a súa sesión mensual coa presenza do autor Antonio Manuel Fraga. Desta vez, son dúas as obras propostas deste autor: O castañeiro de Abril, Premio Merlín 2013, e O grilo máxico, conto que realizou para a Asociación de Iniciativa Social Berce, que nos visitará para falarnos do seu proxecto, co que contribúen enormemente á mellora da calidade de vida de moitos nenos e nenas. Convidámosvos a acudir á cita, que será na Biblioteca Municipal de Gondomar o vindeiro día 30 ás 12:00 horas. Vémonos alí!

Na sesión do mes de decembro xogamos coas letras, especialmente coa vogal A, da man de Elvira Riveiro e a súa obra PAlAbrAs brAncAs (Xerais). Ademais de investigar sobre palabras e lugares do libro, fixemos unha poesía conxunta e elaboramos unha pirámide con palabras que só tivesen a letra A. Finalmente, esta pirámide convertiuse nunha árbore de Nadal coa que a autora nos agasallou.