Arrincan as xornadas ‘Lendo en familia’

Esta tarde, ás cinco, darán comezo no Centro Neural de Gondomar as xornadas “Lendo en familia”, que Espazo Lectura organiza coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Gondomar. O prazo de admisión pechouse con 60 persoas inscritas e coa sala ao límite da súa capacidade, proba do interese e a preocupación que o tema suscita na cidadanía.
Desde o mesmo momento da inauguración, Espazo Lectura irá informando do desenvolvemento das xornadas e das principais declaracións dos convidados en tempo real a través de twitter. A partir das 17,30 h. toda a información poderá ser seguida desde aquí. A retransmisión abordará a sesión inaugural, unha conferencia de Concha Costas (presidenta de Espazo Lectura) e unha conferencia de Cristina Novoa (asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación). Posteriormente, os asistentes trasladaranse en autobús á Casa da Lectura para asistir a unha sesión de contacontos a cargo de Rosana Estévez (coordinadora da área de dinamización de Espazo Lectura).
Ao día seguinte, sábado, novamente desde twitter, informaremos acerca do taller impartido por Paula Carballeira, a presentación dos materiais, a mesa redonda de Dolores Vilavedra e María do Cebreiro, así como a conferencia de clausura impartida polo escritor Agustín Fernández Paz.