A fogueira dos versos publicado por

As actividades de Espazo Lectura volven despois do verán

As actividades de Espazo Lectura volven despois do verán
O pasado 8 de xullo reuniuse o Consello Operativo de Espazo Lectura para facer avaliación da tempada de actividades 2013-2014. Foron unhas 100 actividades de fomento da lectura que constitúen un proxecto estable, tanto para público infantil como para público adulto, co que queremos contribuír a consolidar o hábito lector na sociedade, desde o convencemento de que apostar pola formación lectora é o mellor investimento de futuro.
As actividades de Espazo Lectura, que contan co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, volverán despois do verán. Mentres, aquí vos deixamos as crónicas en imaxes das últimas sesións de cada unha das nosas liñas de traballo.
Sesión para os colexios o 23 de abril, Día do Libro: 350 nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Ed. Primaria de sete colexios da comarca do Val Miñor celebraron o Día do Libro en Gondomar con contos e música nunha programación organizada por Espazo Lectura, coa colaboración das Concellerías de Cultura e Educación do Concello de Gondomar. Os nenos e nenas, acompañados polo seu profesorado, asistiron a dous espectáculos, un concerto de Uxía co espectáculo Rosalía pequeniña e un contacontos, Frederick e Honorato, dous poetas e un rato, da man de Fátima Granja e Irene Silva, integrantes do equipo de dinamización lectora de Espazo Lectura.

– VII Dar de ler coma quen dá de beber: o venres 25 de abril, Espazo Lectura celebrou por sétimo ano consecutivo o Dar de ler coma quen dá de beber, inserido dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura 2014. Mantivemos así a proposta anual de ler e compartir lecturas nun espazo público arredor do Día do Libro. Nesta ocasión o evento foi na Tapería Rural Ardora.

VII Noite na Biblioteca: na noite do sábado 24 ao domingo 25 de maio Espazo Lectura celebrou na Biblioteca Municipal de Gondomar a VII Noite na Biblioteca, con actividades que este ano estiveron dedicadas ao poemario Abrapalabra!, de Antón Cortizas e Carlos Coira, no cal está baseado o espectáculo Abrapalabra! que o mago Carlos Coira representou na biblioteca a noite do sábado.

– Peche de tempada do Contomar, con despedida da 1ª promoción de Contos en cueiros. A sesión do 26 de maio de 2014 consistiu nunha dramatización do conto A rúa da Tixola, e antes leuse Cocorico dedicado á primeira promoción de Contos en Cueiros que comeza unha nova andaina no Contomar.

– Peche de tempada do Lendo contigo. A sesión de peche de tempada do Lendo Contigo celebrouse a tarde-noite do venres 30 de maio na Casa da Lectura. O libro proposto para este último mes foi Desde unha estrela distante, a historia de amizade dunha nena e un extraterrestre escrita por Agustín Fernández Paz. Con este motivo, o club despediuse ata o outono cunha festa alieníxena.

– Peche de tempada do Comando Le. O sábado 31 de maio a Casa da Lectura acolleu a sesión de peche da tempada do Comando Le, que tivo como actividade central un encontro dos rapaces e rapazas co poeta Carlos Negro para conversar sobre o seu último libro, Penúltimas tendencias.

– Peche de tempada do Sete Vidas. O martes 3 de xuño, na Biblioteca de Gondomar, rematou a tempada 2013-2014 do Sete Vidas co comentario de A lúa da colleita, a última novela de Anxos Sumai, autora que ten un significado especial para o club de lectura porque cunha obra súa, en novembro de 2008, comezou esta viaxe pola lectura e a amizade no Sete vidas.

– Peche de tempada de Contos en Cueiros. O sábado 7 de xuño na Biblioteca de Gondomar celebrouse unha gorentosa sesión de Contos en Cueiros para despedir a tempada 2013-14. Asistimos á dramatización do conto Unha eiruga moi larpeira de Eric Carle, na que os bebés  experimentaron unha chea de sensacións. Durante a sesión, tamén despedimos o primeiro grupo de nenos e nenas de Contos en Cueiros que xa cumpriron ou van cumprir 3 anos e que, polo tanto, comezan xa unha nova etapa lectora.

– Peche de tempada das sesións de dinamización na Casa da Lectura. O mércores, 11 de xuño celebrouse na Casa da Lectura unha Merenda con Contos. A Casa da Lectura converteuse nun restaurante no cal se puideron degustar os seguintes pratos: montaditos d’A pota que Trota, Picuruchos e tortilla d’A Vaca que puxo un ovo; biscoito de Cocorico e espeto de froitas d’O elefante comellón.

– Peche de tempada do Lecturas Debuxadas. O martes 17 de xuño celebrouse na Biblioteca de Gondomar a última sesión da tempada do Club Lecturas Debuxadas, na que contamos coa presenza dede José Domingo, o autor do cómic recomendado: Aventuras de un oficinista japonés.

VI Fogueira dos Versos. A noite do 23 de xuño celebramos, un ano máis, un San Xoán alternativo coa Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración popular desta data (con comida e cacharela), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo cultural que este ano correu a cargo de Luis Correa “Caruncho”, quen, acompañado da súa zanfona, interpretou un repertorio de música tradicional. Tamén actuaron as Wikirosalías, que interpretaron poemas a ritmo de rap.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura