Novas da asociación publicado por

As valoracións do Consello Operativo

As valoracións do Consello Operativo

O pasado 24 de decembro celebrouse a última reunión do Consello Operativo de Espazo Lectura, durante a que se fixo unha valoración das distintas actividades levadas a cabo este ano e das súas dinámicas.

No que se refire ás actividades destinadas ao público infantil, destacouse o eficaz funcionamento do novo equipo de persoas responsables das sesións do Contomar, coordinado por Teresa Pereira. Tamén se considerou un feito moi relevante o significativo aumento de asistencia, con respecto ao ano anterior, ás sesións da Casa da Lectura, feito que certifica o interese da liña de actividades emprendida, e ao tempo sitúa o local ao límite da súa capacidade, o que representa novos retos de futuro. O Consello Operativo tamén valorou moi favorablemente os cambios introducidos nas sesións do Club de Lectura compartida Lendo Contigo: tanto o folleto de propostas que se lles entrega aos nenos e nenas na sesión anterior como o feito de que sexan eles mesmos quen presenten o autor ou autora convidado favorecen o papel participativo e integrador dos rapaces e rapazas asistentes.

Con respecto ás actividades destinadas ao público adulto, considerouse un feito relevante a consolidación do Club de lectura Sete Vidas, de narrativa, sobre todo a través dun público asistente máis amplo, e incidiuse na proposta de reforzar a perspectiva de «pequena comunidade de lectores e lectoras». Tamén o papel que cumpre o Club Lecturas Debuxadas foi reivindicado, moi especialmente, desde o rol orientador que cumpre con moitos dos asistentes, abrindo novos camiños de lectura a quen o desexe. Tamén houbo propostas de interacción entre os distintos clubs de lectura que serán examinadas e, se procede, postas en práctica, e coincidiuse na necesidade de relanzar o Club de Formación Lectora, que constitúe unha cita estratéxica para a información, renovación e formación do propio traballo da asociación.
Unha consideración especial mereceuna a campaña «Onde hai libros hai futuro», levada a cabo estes últimos meses por Espazo Lectura, moi especialmente a través das charlas para nais e pais, e as familias en xeral, que se realizaron en distintos centros de ensino do Val Miñor. Sensibilización e cooperación foron os dous eixos nos que se moveu a campaña, que deu froitos importantes.
A segunda parte da reunión estivo dedicada á proposta de novos proxectos, dos que iremos informando a medida que sexan levados a cabo. Unha das liñas de actuación dalgúns dos novos proxectos irá encamiñada a reforzar a importancia social da lectura, nun ámbito no que, grazas ao traballo de Espazo Lectura, se logrou vencellar o concello de Gondomar co fomento da lectura.
A parte final da reunión dedicouse ao exame de cuestións que tiñan que ver co modelo de organización e coas posibles melloras que se poidan introducir para a máis perfecta engranaxe da asociación. Acordouse reforzar a catalogación bibliotecaria da Casa da Lectura e mellorar e centralizar o nutrido Arquivo Gráfico (fotografía, vídeo e prensa).


(As fotos corresponden á reunión do Consello Operativo de xuño de 2010)

Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com