Así foi o obradoiro de poesía con Carlos Negro no Comando Le

O pasado xoves 25 de abril, dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura, os rapaces e rapazas do Comando Le participaron nun obradoiro impartido polo poeta Carlos Negro baixo o título Poesía e chocolate. dous praceres intensos e escuros. Da man de Carlos Negro, e coa axuda de dous paraugas -un negro e outro cheo de cores- os participantes reflexionaron sobre o que entendemos por poesía e leron poemas diferentes e sorprendentes que pouco tiñan que ver coa idea previa que tiñan do que é un poema. Saborearon chocolate, igual que saborearon poemas, para entender que na poesía, como na comida, hai que probar de todo. Finalmente construíron un poema colectivo, escribindo cadaquén un verso a partir dunha imaxe.