A Portada publicado por

«Camiños de luz», texto de Concha Costas sobre os 10 anos de Espazo Lectura

«Camiños de luz», texto de Concha Costas sobre os 10 anos de Espazo Lectura

Con motivo da celebración do décimo aniversario de Espazo Lectura, desde a Xunta Directiva da asociación decidimos solicitarlle a Concha Costas, a primeira presidenta de Espazo Lectura, unha reflexión sobre esta década intensa de traballo voluntario, cívico e asociativo a favor da lectura. Gustaríanos que calquera persoa que vivise connosco a experiencia destes anos, ben asistindo ás actividades, ben colaborando activamente, ben participando como autor/a, contancontos, ou desde calquera outra intervención artística, poida enviarnos a súa reflexión para que a publiquemos.
Foron 10 anos construíndo lectoras e lectores, 10 anos de voluntariado da lectura, 10 anos traballando a favor do libro galego. Paga a pena celebralo.

 

 

 

Camiños de luz

Hai dez anos, cando un grupo de persoas lle dabamos voltas en Gondomar á idea de crear unha asociación centrada no fomento do libro e a lectura, coa referencia previa das sesións do Contomar que xa realizabamos na biblioteca municipal, criamos firmemente en que o proxecto era posible e en que había espazo e demanda social para unha proposta dese tipo. Logo, a través de moitas reflexións e conversas, acompañadas de altas doses de ilusión e moitas horas de traballo, fomos desenvolvendo unha ampla programación de actividades e confirmando algunhas das intuicións coas que iniciabamos o camiño.

Por unha banda, entendiamos que era necesario tecer redes de colaboración con outras entidades que fortalecesen o proxecto: os centros de ensino (sempre dispostos a difundir as actividades e a participar nelas), as editoriais e as librarías (compañeiras de ruta no fomento e visibilización do libro galego), a administración (sempre mantivemos que as actividades debían servir para dinamizar a biblioteca municipal como servizo público de referencia e que era imprescindible a implicación e complicidade do Concello, unha relación necesaria que lamentablemente rompeu nos últimos meses), os profesionais que están detrás do libro e da lectura (autor@s, ilustrador@s, tradutor@s, contador@s) e, moi especialmente a sociedade, as persoas que ao longo destes anos se achegaron xenerosamente para colaborar de moi diversas maneiras. Por outra banda, sempre tivemos claro que para crear e consolidar hábitos lectores con certo impacto social, tiñamos que priorizar as actividades estables, semanais ou mensuais, que creasen lazos de aprendizaxe e de socialización a partir da lectura, puntos de encontro e de referencia para escoitar, conversar e compartir a través dos libros.

Dicía Agustín Fernández Paz, un dos primeiros autores que se achegou ás nosas actividades, que onde hai unha biblioteca hai unha luz. Para todas as persoas que primeiro soñamos e logo construímos Espazo Lectura, esa luz vive en cada libro, en cada contacontos, en cada sesión de dinamización, en cada club de lectura. E temos a certeza e o convencemento de que a cultura e o coñecemento son as mellores armas para mudar a sociedade, nun camiño de rebelión necesaria, un camiño de luz que queremos seguir percorrendo con todas as persoas e institucións que nos acompañaron ao longo destes dez anos e con todas as que se queiran sumar para seguir alimentando esa luz da que sentirnos orgullosos e orgullosas.

Concha Costas

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura