Cándido Pazó en Lendo Contigo

O próximo sábado 26, ás 12:00h, na Biblioteca Municipal, celebraremos a quinta sesión do club de lectura compartida Lendo contigo. O libro proposto é O merlo branco, de Cándido Pazó, que estará connosco para falarmos da súa obra. Como é habitual, as lecturas de Lendo Contigo están dirixidas a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.
Ao día seguinte, o domingo 27, a compañía Talía Teatro representará esa mesma obra de Cándido Pazó, O merlo branco, no auditorio Lois Tobío de Gondomar. Será ás 19:00h. Trátase dun espectáculo teatral para todos os públicos. Coa representación desta obra remata a programación conxunta en torno ao libro e a lectura que realizamos para o mes de abril coa Concellería de Cultura do Concello de Gondomar.

Cándido Pazó (Vigo, 1960) é actor, contacontos, narrador oral, escritor, director teatral, tradutor e unha persoa moi coñecida enriba dos escenarios. Como autor teatral, escribiu obras como Arroutadas (1983), O merlo branco (1989), Raíñas de pedra (1991), Niki-ñaque (2000), Binomio de Newton (2002), Xustiza infinita (2002), A piragua (2007), García (2007), etc. O seu labor como actor comezou xa en 1975, nas Mostras de Teatro de Ribadavia, e desde entón debuxou unha intensa traxectoria no mundo do teatro. Actou tamén en múltiples series da TVG. O merlo branco está publicado pola editorial Bruño.