«Cartas de inverno»: novela e cómic para a sesión do Comando Le

O sábado 23 de febreiro a Casa da Lectura acolle a partir das 12:00h unha nova sesión do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura, dirixido a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos, que este trimestre organiza as súas actividades arredor do tema Mundos fantásticos. Abriremos a sesión cunha conversa sobre a lectura da novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e do cómic que Antonio Seijas acaba de publicar a partir desa novela. Nesta parte da sesión contaremos coa presenza de Félix Rodríguez, coordinador do club Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura, quen nos axudará a analizar o traballo de adaptación entre a novela e o cómic.

Posteriormente proxectaremos as fotografías dos rapaces e rapazas do Comando Le que participaron no concurso de fotografía que convocamos e escolleremos a gañadora. A proposta consistía en seleccionar un fragmento de Cartas de inverno e facer unha foto que o ilustrase. Con esta iniciativa queriamos convidar os rapaces e rapazas a reflexionar sobre o necesario labor de adaptación que facemos ao pasar dunha linguaxe a outra, neste caso da narrativa á fotografía, do mesmo xeito que falamos da adaptación d’O hobitt ao cine ou da novela Cartas de inverno ao cómic.

Na última parte da sesión, logo de xantarmos todos xuntos na Casa da Lectura, achegarémonos ao castro da Pedra Moura, en Donas, onde faremos unha actividade sorpresa arredor do conto “A serpe de pedra”, incluído no libro Tres pasos polo misterio, de Agustín Fernández Paz.

cartas de invernocartas_de_inverno_novela_gráfica