Casa da Lectura

Casa_da_Lectura_cabecera
Casa da Lectura, Nogueira 8
Donas, 36388, Gondomar

Como chegar á Casa da Lectura:
Desde a saída da autoestrada
Desde Gondomar

Actividades

Os mércores da Casa da Lectura, Noites Golfas, Contos en Cueiros, A fogueira dos versos, préstamo bibliotecario.

A Casa da Lectura é un centro de actividades arredor do libro e a lectura e unha biblioteca xestionados por Espazo Lectura. Situado no contorno rural, quere ser un lugar de promoción dos hábitos lectores e a cultura do libro.

Inaugurada o 16 de maio de 2009, a orixe do proxecto está na transformación dunha pequena e antiga escola de Educación Infantil en desuso. A escola foi rehabilitada grazas ao esforzo voluntario e desinteresado das persoas que colaboran coa asociación e asumiron a realización de todos os traballos de obra que a edificación requiría.

En outubro de 2008,  Espazo Lectura chegou a un acordo coa dirección do CEIP Souto-Donas, centro escolar do que depende a escola infantil e que, na actualidade, é unha entidade socia protectora da asociación, e co Concello de Gondomar, así como coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e puxo en marcha a recuperación dun espazo inutilizado, dotándoo para usos culturais e dando lugar a unha iniciativa que revertise no ben da comunidade. Logo_CdL_-redondoPor último, chegouse tamén a un acordo con once editoriais galegas, que se fixeron socias protectoras de Espazo Lectura, e que nutren a biblioteca de novidades. As editoriais son: Baía Edicións, Edicións do Cumio, El Patito Editorial, Galaxia, Ir Indo, Kalandraka, OQO, Patas de Peixe, Rinoceronte, Rodeira (Grupo Edebé) e Xerais.

Na Casa da Lectura lévanse a cabo diversas actividades, como Os mércores da Casa da Lectura, Noites Golfas, Contos en Cueiros, A fogueira dos versos e préstamo bibliotecario. A biblioteca da Casa da Lectura está integrada no proxecto Meiga da Rede de Bibliotecas de Galicia e realiza préstamo bibliotecario aos seus usuarios.

A Casa da Lectura quere ser un espazo de promoción dos hábitos lectores e dinamización arredor do libro, polo que todos os mércores pola tarde se realiza alí unha actividade de fomento da lectura, que complementa a sesión do Contomar, contacontos que a asociación Espazo Lectura leva a cabo todos os luns na Biblioteca Municipal de Gondomar, fixando deste xeito unha programación estable que, partindo do asociacionismo, se singulariza pola súa dimensión e especialización.

Outro dos obxectivos da Casa da Lectura é servir de punto de encontro para todas as inciativas que teñan que ver co libro e coa lectura; así como constituírse en lugar de reunión para os grupos de traballo do ámbito do fomento da lectura e como sede social e administrativa da asociación Espazo Lectura.