Club de Lectura Sete Vidas publicado por

Club de lectura Sete Vidas: "O bosque dos raposos aforcados"

Club de lectura Sete Vidas: "O bosque dos raposos aforcados"

O libro proposto no Club de Lectura Sete Vidas para o mes de xaneiro é O bosque dos raposos aforcados, do escritor finlandés Arto Paasilinna (Rinoceronte Editora, 2005), novela da que falaremos este martes, 12 de xaneiro, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar con todas as persoas que se queiran achegar.

O autor
Arto Paasilinna, nacido en Kittila en 1942, ex gardabosque, ex xornalista e ex poeta, é un autor de extraordinario éxito en Finlandia e fóra do seu país a xulgar polas numerosas traducións da súa obra. Nos seus libros destaca o seu humor orixinal e a súa capacidade de contar da maneira máis cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes.


O libro
O bosque dos raposos aforcados é a primeira novela verquida directamente do finés ao galego por Tomás González Ahola e relata a historia de Oiva Juntunen, un ladrón fuxido na recóndita paraxe da Laponia ante o medo pola saída do cárcere dos seus cómplices, aos que traizoou coa intención de quedar con todo o ouro que roubaran ao goberno noruegués.
A través do relato dunha historia delirante ateigada de personaxes disparatados, Paasilinna fálanos das debilidades humanas, da amizade, da corrupción, da vellez… e nos achega sen apenas decatarnos moita información sobre a historia política e social da Laponia.


Para ler máis sobre Arto Paasilinna:
Wikipedia
Información no Club de Lectura Virtual de Pontevedra
Entrevista co autor a partir da publicación en Anagrama de Delicioso suicidio en grupo

Para ler máis sobre O bosque dos raposos aforcados
Crítica de Begoña Regueiro no Cartafol de Libros
Recomendación no Blog de Ana Bande e interesante comentario dun lector
Información no Club de Lectura Virtual de Pontevedra

Se che gustou este libro tamén podes ler en galego O muiñeiro ouveador (Rinoceronte 2007)

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com