Club de lectura Sete Vidas

00_Sete_vidas_cabeceira

Club de lectura sobre narrativa (novelas e relatos)
Data: primeiro xoves de cada mes
Hora: 20:00 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Idades: adultos
Coordinadores: Bieito Legaspi e Marisú Garrido

O club de lectura Sete Vidas está formado por un grupo permanentemente aberto e heteroxéneo de persoas ás cales lles apetece ler novelas e contos. A ese grupo pode sumarse libremente quen o desexe. Esas persoas reúnense para compartir a lectura dun libro ao mes (novelas, relatos etc) e comentalo despois sen ningún tipo de obrigas nin compromisos. Habitualmente, durante a primeira hora o grupo debate sobre o libro, e durante a segunda hora (a partir das 21:00h) adoita incorporarse o autor ou autora para falar da súa propia obra coas persoas asistentes, que poden facerlle preguntas e intercambiar opinións con el ou ela.

Cando se trata de traducións, pode ser unicamente o grupo quen debata sobre o libro, aínda que ás veces tamén se conta coa presenza do tradutor ou tradutora, que enriquece os distintos puntos de vista. Noutros casos, realízanse contacto por videoconferencia con algúns escritores ou escritoras.

As reunións do club de lectura Sete Vidas, coordinado por Bieito Legaspi e por Marisú Garrido, celébranse o primeiro xoves de cada mes ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. A primeira sesión deste club desenvolveuse en outubro de 2008, coa novela Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai.

Para participar non é necesario ser un lector ou lectora experimentado; soamente hai que gozar da lectura ou querer descubrir que a lectura nos abre as portas para vivir sete vidas e ter ganas de compartir esa experiencia cos demais membros do club.

Ata o de agora léronse libros de autores e autoras como Iolanda Zúñiga, Antón Riveiro Coello, Gonzalo Navaza, Slavenka Drakulic, Carlos G. Meixide, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza, John Berger, Marcos Calveiro, Xurxo Borrazás, Rosa Aneiros, Arto Paasilinna, Diego Ameixeiras, Begoña Caamaño, Blanco Amor, Pilar Buela, Domingo Villar, Banana Yoshimoto, Manuel Portas, Alberto Lema, Cid Cabido, Muriel Barbery, An Alfaya, José Luis Prieto, Xosé Neira Vilas, Santiago Lopo, Xulia Alonso, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Philippe Claudel, Miguel Anxo Fernández, Marica Campo, Xavier Queipo, Anabel Alonso, Víctor Freixanes, Pedro Feijoo, María Xosé Queizán ou Jim Thompson.

Para saber máis diríxete a: espazolectura@gmail.com