Club Lecturas Debuxadas

00_Lecturas_Debuxadas_Cabeceira
Club de lectura sobre banda deseñada
Data: terceiro martes de cada mes
Hora: 20:00 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Coordinadores: Félix Rodríguez e Óscar Fernández

Espazo Lectura puxo en marcha este club de lectura desde o convencemento de que a linguaxe do cómic, é dicir, a da lectura en imaxes, é unha das máis relevantes da cultura contemporánea.

Os coordinadores propoñen un cómic mensual e as persoas asistentes reúnense para comentalo e interpretalo. As reunións realízanse o terceiro martes de cada mes ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. Os coordinadores son Félix Rodríguez e Óscar Fernández (pódese contactar con Félix chamando ao 668 871 036 ou a través do correo electrónico Para saber máis diríxete a: espazolectura@gmail.com).

Se pensas que o cómic non é só para nenos e nenas e que se poden contar boas historias desde o cómic, ven e descubre a linguaxe da lectura en imaxes. Recibe moitos nomes: banda deseñada, banda debuxada, tebeo, historieta, novela gráfica… Definida como a «narrativa gráfica secuencial», o cómic é xa a novena arte por dereito propio. Queremos descubrir esta linguaxe tan interesante lendo un cómic unha vez ao mes para comentalo despois entre todos e todas.

A primeira sesión celebrouse en decembro de 2008, con A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Entre os autores galegos que estiveron presentes no Club de Lecturas Debuxadas, para charlar ou comentar as súas obras cos asistentes, están Jacobo Fernández, Kiko da Silva, David Rubín, Manel Cráneo, Ramón Trigo e José Manuel Trigo, Manolo López (a través de videoconferencia), Dani Montero, Brais Rodríguez ou Tokio. Polo demais, léronse títulos de autores como Manu Larcenet, Art Spiegelman, Frederik Peeters, Motoro Mase, Posy Simmonds, Antonio Altarriba, Marjane Satrapi, Will Eisner, David Mazzucchelli, Shaun Tan, Carlos Giménez, Kim Deitch etc.