Os clubs de lectura de Espazo Lectura retomarán a súa actividade no mes de outubro. Adiantámosvos os primeiros títulos da tempada por se queredes que sexan unha lectura máis do verán.

Club de Lectura Sete Vidas: Futuro imperfecto, de Xulia Alonso (editorial Galaxia).

Vida e literatura ás veces camiñan á par. Iso acontece neste libro, no que Xulia Alonso narra a historia máis importante da súa vida: a do seu amor por Nico e a da experiencia da súa perda.
Durante as décadas de 1980 e 1990, moitos mozos descubriron simultaneamente o amor e a droga. As consecuencias desa vivencia marcáronos para sempre, a algúns de xeito dramático. Este libro é un reencontro con ese tempo, coa súa presenza proxectada no futuro. Un futuro que xa non pode ser perfecto mais é esperanzado.

Club Lecturas Debuxadas: O fillo da furia, de Manolo López Poy e Miguel Fernández (Demo Editorial).

Toribio, o pseudónimo de Mamed Casanova, foi o bandoleiro galego de principios do século XX que puxo nun brete á Garda Civil en máis dunha ocasión. As súas historias fanse cómic da pluma do xornalista Manolo López e do pincel do deseñador Miguel Fernández. Esta é unha novela negra que presenta a un Toribio que fai memoria sobre a súa vida logo de regresar á súa aldea preto da Coruña, despois de pasar 25 anos no cárcere de Figueres (Girona).

Club de lectura compartida Lendo Contigo: Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna (El Patito Editorial).
Xa están aquí! A humanidade aínda non o sabe, pero a invasión está en marcha! O que empeza como unha tranquila tarde no parque, convértese para Golfiño e os seus amigos nunha trepidante aventura na que deberán enfrontarse a unha raza alieníxena que chega á Terra con propósitos inconfesables… Por fin a versión íntegra, que inclúe o esperado final, en formato panorámico, cos diálogos orixinais ao completo e a cor totalmente restaurada. Acadará Golfiño fanar os maquiavélicos plans do Grande Imperio Cuá-Cuá? Nestas páxinas, o relato veraz do que aconteceu…

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *