ComandoLe

Grupo de activismo cultural dirixido a rapaces e rapazas de máis de 12 anos
Coordinadoras: Beatriz Núñez, Eva Pena, Cristina Álvarez, Ángeles Rodríguez, Raquel Expósito, Ana Fernández, Auri Fontán e Gustavo Montes. 
Lugar: Casa da Lectura.
Hora: 20:00 a 00:00 horas.

O Comando Le é un grupo de activismo cultural dirixido a rapaces e rapazas de máis de 12 anos que se constituíu dentro de Espazo Lectura en outubro de 2012. Reúnese habitualmente na Casa da Lectura o último sábado de cada mes, de 20:00h a 00:00h, cunha pausa para unha cea compartida. 
Dentro da programación do Comando Le podemos atopar sesións de conversa arredor de libros ou de películas, obradoiros, xogos, charlas-coloquio, excursións e espectáculos poéticos, musicais ou teatrais.

Desde que o Comando Le botou a andar no ano 2012 cun magosto literario sobre os dereitos humanos, foron moitas as actividades nas que puideron participar os comandoleiros e comandoleiras, algunhas delas coa presenza de persoas que, polo seu traballo ou polas súas experiencias, podían complementar e enriquecer as nosas propostas. Reflexionamos sobre temas como a discapacidade (coa visita da xente que leva adiante o proxecto Discamiño), a relación entre literatura e cine, a relación entre o cerebro e a lectura (coa visita do neurocientífico Xurxo Mariño que nos falou de mente, linguaxe e lectura; Juan Casto Rivadulla co seu libro A que cheiran as cores), a transexualidade (coa visita de Eva Mejuto e Marcos Ceive), a identidade de xénero (coa visita de Nee Barros) ou a cooperación internacional.

En moitas sesións contamos coa presenza de autores ou autoras que nos visitaron para falar dos seus libros (Carlos Negro, Eva Mejuto ou Ledicia Costas) ou para ofrecerlles aos comandoleiros e comandoleiras diferentes espectáculos como Connecting poetry, de Fran Alonso; Fast food e literatura, de Iolanda Zúñiga; Caso pechado, de Raquel Queizás; ou Moita poesía, pouca diversión, de María Lado e Lucía Aldao. Tamén se incluíron obradorios que lles permitiron aos mozos e mozas participar dun xeito máis activo en diferentes propostas: de poesía, con Antía Otero ou Carlos Negro; de ilustración, con Abraham Carreiro; de encadernación, con Astromántica Cartoneira; de creación de videopoemas, con Paz Gonzalo; ou de creación literaria, con Elvira Riveiro. Ademais, nestas últimas tempadas a programación do Comando Le pechouse con excursións a Ourense, Celanova, Pontevedra e e a Padrón-Rianxo, que nos permitiron realizar roteiros literarios e outras visitas.

Todas estas propostas compleméntanse con outras actividades coas que pretendemos que os comandoleiros e comandoleiras colaboren como voluntarios e voluntarias preparando sesións de contacontos ou de dinamización lectora noutras liñas de traballo de Espazo Lectura como o Contomar, as sesións dos mércores na Casa da Lectura ou a Noite na Biblioteca, dirixidas aos nenos e nenas máis pequenos.

En definitiva, o Comando Le pretende ser un espazo de formación e de encontro no que os adolescentes, partindo da lectura, pero tamén da música, do cine ou doutras expresións culturais, poidan reflexionar e debater sobre diferentes temas que lles interesen e compartir con rapaces e rapazas da súa idade as súas reflexións, experiencias e recomendacións.

Información sobre as sesións: https://espazolectura.gal/category/clubs-de-lectura/comando-le/