A Portada publicado por

Comeza unha nova tempada de actividades

Comeza unha nova tempada de actividades
O próximo luns, 5 de outubro, arranca a nova tempada de actividades da asociación Espazo Lectura.
O Contomar, o contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos coas súas familias, inaugurará a nova tempada o luns 5 de outubro, a partir das 6 da tarde na Biblioteca de Gondomar.
Dentro da programación infantil, o mércores 7 de outubro, tamén ás 6 do serán, a Casa da Lectura inicia tempada cunha sesión especial que correrá a cargo da actriz e contacontos Charo Pita, destinada a nenos e nenas a partir de 3 anos e ás súas familias.
Durante o mes de outubro comezarán tamén os diferentes clubs de lectura:
  • O martes 6 ás 20.00h, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, na que se comentará a novela As rapazas de Xan. O seu autor, Manuel Iglesias Turnes conversará na biblioteca coas persoas que queiran achegarse.
  • O martes 20, ás 20.00h, na Biblioteca de Gondomar, arrancará a nova tempada o club de cómic Lecturas Debuxadas. O cómic que se vai comentar será Abastos (3 Pintamonas), e contaremos coa presenza dun dos seus autores, o debuxante Víctor Rivas.
  • O sábado 24, ás 12.00 do mediodía, celebrarase a primeira sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo, para nenos e nenas de 7 a 11 anos e familia. O primeiro libro da nova tempada será Rubicundo, de María Canosa. A autora estará na Biblioteca de Gondomar para falar cos nenos e nenas que participen.
  • Polo serán do sábado 24, ás 20.00h, celebrarase na Casa da Lectura o primeiro encontro da tempada do Comando Le, para rapaces e rapazas a partir de 12 anos.

Por último, o venres 23 de outubro celebrarase a presentación da nova tempada de Contos en Cueiros, a actividade de achegamento aos libros e á lectura para bebés de 0 a 3 anos. Será unha charla informativa para nais e pais interesados.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura