Contos en Cueiros despide a tempada cun concerto da Banda dos Cueiros

O próximo sábado 28 de maio, ás 17:00 horas, terá lugar a sesión de peche de tempada 2015-2016 de Contos en Cueiros. Para poñer o broche final contaremos cunha actuación musical da Banda dos Cueiros, grupo nacido ao abeiro desta actividade.
Se o tempo o permite, o lugar do encontro será o parque da Coelleira de Gondomar e, en caso de chuvia, verémonos na Biblioteca de Gondomar. A medida que avancen as predicións meteorolóxicas confirmaremos o lugar exacto.

Inscrición previa
– En caso de que sexa no parque público non haberá aforo limitado. Con todo, abrimos inscrición previa por se é necesario facelo na Biblioteca.
Contamos cun aforo limitado a 35 nenos/as acompañados de 1 adulto. Os criterios de inscrición son os seguintes:
– Terán prioridade os fillos/as de socios e socias de Espazo Lectura, por orde de inscrición.
– Para inscribirse cómpre enviar un correo a contosencueiros@gmail.com e facilitar:
– o nome do bebé
– o ano denacemento: nenos/as de 0 a 3 anos nacidos en 2013 ou despois
– o nome da persoa adulta que o vai acompañar
– un teléfono de contacto (para avisar en caso de quedar en lista de espera)
– en caso de ser socios/as, o nome do socio/a

Importante para nenos/as nacidos en 2013
– Como nesta sesión despediremos os nenos e nenas nacidos en 2013 que acudisen de maneira regular a esta actividade, pedimos ás familias destes nenos que indiquen no correo que o seu fillo ou filla naceu nese ano para poder contar con el para a sorpresa de despedida.

Moitas grazas a todos e todas por acompañarnos durante estes meses.

Na anterior sesión de Contos en Cueiros internámonos no mundo de Elmer, o elefante de retallos. Empregando os contos “Os amigos de Elmer” e “As cores de Elmer” como fío condutor, construímos un Elmer de papel xigante, sobre o cal os bebés pegaron retallos de cores e, na última parte da sesión, experimentamos coas cores nunha divertida experiencia con pintura. Estas son as imaxes dese día.