Contos en Cueiros

cenc

Contacontos para bebés de 0 a 3 anos.
Periodicidade: Último venres de cada mes. As convocatorias realízanse a través do correo electrónico e da web.
Coordinadoras: Anaír Rodríguez, Beatriz Núñez, Beatriz Pereiro, Aurora Fontán, Ángeles Rodríguez e Mirian Rodríguez.
Lugar: Casa da Lectura.

Inscricións: Esta actividade é a única de Espazo Lectura que se fai mediante incrición previa, debido á necesidade de espazo que presentan os bebés.

Partindo da convicción de que, malia que os bebés aínda non saiban ler, as historias e os libros deben estar presentes dende o principio, así coma os arrolos, as ladaíñas e as cancións, xa que son elos da cadea que conecta o bebé coa súa nai e pai, en novembro de 2012 nacía Contos en Cueiros, unha actividade da asociación Espazo Lectura.

Como o resto de actividades de Espazo Lectura, Contos en Cueiros está coordinado por un equipo de voluntariado da asociación.

Trátase dunha actividade que pretende ser un lugar de encontro para nais e pais cos seus bebés de 0 a 3 anos e que nace co obxectivo de achegar o libro e a lectura aos máis cativos a través de cancións, contos e xogos.

Contos en Cueiros ofrece unha variada oferta de actividades:

  • Charlas sobre a importancia de iniciar na lectura dende o nacemento destinadas a nais, pais e público interesado: como a sesión inaugural de Contos en Cueiros que correu a cargo da animadora á lectura e especialista en educación infantil Ana Abelenda, titulada “Os bebés tamén len”. Ou a sesión informativa titulada “Ler cos bebés” impartida polas coordinadoras da actividade.
  • Contacontos onde a estimulación sensorial e a experimentación pretenden ter un peso específico.
  • Concertos musicais: como a actuación de Arrolos de Salitre (Xabier Díaz e Guillerme Fernández) ou os concertos de A Banda dos Cueiros, formación musical nacida ao abeiro desta actividade que, partindo da tradición oral, interpreta cancións pensadas para o público 0-3 anos.
  • Teatro específico para este treito de idade, como as representacións de Viaxe a Dadá ou Chíos, da compañía Teatro da Semente.

A convocatoria faise a través da web de Espazo Lectura, do correo electrónico contosencueiros@gmail.com e de carteis distribuídos por lugares públicos do Val Miñor, contando coa colaboración das escolas infantís públicas da comarca. As persoas interesadas en recibir información da actividade poden poñerse en contacto con Espazo Lectura a través do correo-e espazolectura@gmail.com.

Información sobre as sesións: http://espazolectura.gal/category/casa-da-lectura-2/contos-en-cueiros-casa-da-lectura-2/