Noite na biblioteca publicado por

De pixamas e libros

De pixamas e libros

Durante a próxima fin de semana publicaremos unha ampla reportaxe fotográfica sobre a noite na biblioteca organizada por Espazo Lectura. Mentres, reproducimos un artigo de Rosa Aneiros sobre esta actividade que se publicou onte nos xornais El Progreso e Diario de Pontevedra e hoxe mércores no Galicia Hoxe, titulado «De pixamas e de libros». Vaia por diante o noso agradecemento a Rosa Aneiros por un texto tan fermoso. Tamén en Praza das Letras se poden ver algunhas fotos sobre a noite na biblioteca.


De pixamas e libros

Shmuel vestía un pixama de raias e tiña a cabeza afeitada. Os pixamas son roupa cómoda e divertida que nos prepara para o sono pero non así para Shmuel. El non semellaba un neno feliz. Ou iso lle pareceu a Bruno, o protagonista do libro O neno do pixama de raias de John Boyne. Ese libro azul estaba alí deitadiño no andel da biblioteca municipal de Gondomar disposto a que calquera pícaro con pixama quixese collelo e mergullar na súa historia. Porque a noite do sábado 21 de xuño, o mesmo día que comeza o verán, a biblioteca de Gondomar non quixo ficar en silencio. Dúas ducias de nenos e nenas con pixama ávidos de palabras e contos enchérona de murmurios e gargalladas. Tratábase da primeira noite na biblioteca, unha iniciativa pioneira en Galicia organizada polo colectivo Espazo Lectura para nenos de entre 6 e 11 anos. Coa caída da noitiña chegaron os cepillos de dentes, os contacontos, o teatro, o recital de poesía e música, as cubertas dos libros enriba das colchonetas e as lanternas nos sacos para devorar historias. Toda unha marea de vagalumes a alumear os estantes dos libros mudos. Logo, co mencer, espreguizaron os xogos de pistas, os tesouros de moedas de chocolate e os biscoitos do almorzo. No medio, por suposto, pouco sono e moitos soños. Porque así son os libros, unha experiencia íntima que pode ser compartida, como todas as ilusións. Non é un deber da escola senón un divertimento. A Shmuel, aquel neno do pixama de raias de Boyne, roubáranlle o futuro e as palabras pero el, convertido en libro, puido contar a súa historia a outro neno con pixama. E ese lector ou lectora puido comprender así por fin por que non todos os pixamas serven para soñar.

Rosa Aneiros
Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com