Edicións do Cumio, novo socio protector de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Edicións do Cumio, que se incorpora como socio protector da asociación.
Fundada a finais da década dos anos oitenta, Edicións do Cumio mantén unha concepción aberta nas súas liñas de publicación; ademais do libro con criterio xeral, esta editora produce xogo didáctico en cartón, cartografía, audiolibros, cd rom, discos e dvd de música e diferentes proxectos multimedia. Na edición do libro prima a súa vocación de editora xeralista que atende ás diferentes necesidades da sociedade, dende os materiais complementarios do proceso educativo, ata as guías e mapas de tipo turístico e cultural, a literatura e o ensaio…
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”. Do Cumio súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Galaxia, Kalandraka, Xerais, OQO, Rodeira e Patasdepeixe. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 18 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *