En febreiro, dobre sesión do club Lecturas Debuxadas: o día 4 e o 16

No mes de decembro pasado o club Lecturas Debuxadas ía dedicar unha sesión á adaptación a banda deseñada da novela “Cidade de cristal“, de Paul Auster, obra de Paul Karasik e David Mazzucchelli (e tradución de Xavier Queipo). Por motivos alleos a Espazo Lectura, o encontro non se puido celebrar, polo que, de maneira expcecional, neste mes de febreiro o club de cómic terá dúas citas, ambas na Biblioteca de Gondomar a partir das 20:00 horas:

– O martes 4 de febreiro, celebrarase a sesión dedicada á novela gráfica “Cidade de Cristal“.
– O martes 16, dedicarase a sesión mensual á lectura de “Muuh! No prado das vacas”, de TROUB´S (Jean-Marc Troubet). Nesta ocasión contaremos coa visita da tradutora, Rosa Espiñeira.

Na sesión de xaneiro xuntámonos para falar sobre “El mundo a tus pies”, a última obra do debuxante Nadar. Con guión propio, trátase dunha BD que nos conta tres historias co punto común da crise laboral, do mercado precario do traballo e de como afecta sobre todo á xente nova. Centrada na diferenza entre a realidade e as expectativas creadas, é unha obra dura e de condea sen paliativos, rozando ás veces a desesperanza. Cun debuxo realista e detallista, de liña precisa e un bonito uso da cor, as escenas, as atmosferas e a iluminación están resoltas con mestría. Estas son as imaxes da sesión.