Encontro co escritor Pedro Feijoo na nova biblioteca de Nigrán

A NOVA BIBLIOTECA DE NIGRÁN ACOLLE ESTE VENRES UN ENCONTRO PÚBLICO DO ESCRITOR PEDRO FEIJOO COS SEUS LECTORES

O aclamado novelista visita Nigrán para manter unha conversa coas persoas interesadas na súa obra ou na literatura en xeral

Asinará exemplares e a librería de Nigrán ‘Paraísos de Papel’ participará cun stand

Nigrán, 17.11.21.- A nova Biblioteca de Nigrán (Estrada pola Vía, 118) acolle este venres 19 de novembro ás 20:00 horas un encontro do escritor Pedro Feijoo cos lectores interesados en falar da súa obra ou de literatura en xeral. O propio novelista vigués, un dos autores galegos que máis éxito de público e crítica colleita, subliña o seu interese en “manter unha conversa tranquila e amigable na que vaian xurdindo temas ou preguntas”. Neste foro, o primeiro dun escritor na nova Biblioteca, estará acompañado polo alcalde, Juan González, e participará a librería de Nigrán ‘Paraísos de Papel’ cun stand con exemplares á venda. “Trátase do primeiro encontro e queríamos que o inaugurase Feijoo, pero iremos organizando máis”, avanza o rexedor, Juan González.

Pedro Feijoo (Vigo, 1975), filólogo de formación, desenvolveu durante anos unha intensa labor no ámbito musical como produtor, compositor e músico en grupos como Los Feliz ou Lamatumbá. Neste mesmo terreo, publicou ‘Viva el Fu remol!’ (2005), crónica sobre o presente e as circunstancias do panorama musical galego. Narrador de lectorado fiel e entusiasta, a súa literatura de intriga e aventuras enfeitiza aos seus seguidores pola capacidade para xerar historias de acción trepidante e personaxes cos que resulta fácil empatizar. Esa é a razón de que títulos como Os fillos do mar (2012) ou A memoria da choiva (2013) ―ambos Premio Arcebispo San Clemente e o primeiro tamén Premio Frey Martín Sarmiento― atópense entre os máis vendidos en Galicia e mesmo fosen traducidos a outros idiomas.

O seu último libro, ‘Un lume azul’ (2019), é unha apaixonante e intensa novela escrita con ese arrebato ao que nos ten afeitos o autor, quen, como é habitual, ten colleitado excelentes críticas e gran acollida por parte do público. Esta novela editada por Xerais é a historia dos corpos sen vida. Unha trama de suspense que nos arrastra ata posuírnos, da que é preferible non saber nada previamente, mesmo evitando que ninguén nos desvele nada sobre ela, e gardar para nós o pracer de descubrir, de golpe, cal é a verdadeira historia que aquí se agocha. Dura, por veces mesmo violenta, pero tamén emotiva e, sobre todo, imprevisible, ” Un lume azul ” é unha apaixonante e intensa novela de Pedro Feijóo, escrita con ese arrebato ao que nos ten afeitos.