A Portada publicado por

Espazo Lectura convida a participar no XII Dar de ler coma quen dá de beber

Espazo Lectura convida a participar no XII Dar de ler coma quen dá de beber

Espazo Lectura está a preparar a décimo segunda edición da actividade Dar de ler coma quen dá de beber, a sesión de lecturas en voz alta que celebramos anualmente con motivo da conmemoración do Día do Libro e que se enmarca na Semana do Libro e a Lectura.
Esta actividade consiste nunha lectura colectiva para a cal, as persoas que o desexen, escollen un texto moi breve dun libro que queiran compartir cos demais.
Este ano decidimos cambiar de localización. O acto terá lugar o domingo 28 de abril no Casino de Sabarís, entre as 12:00 h e as 14:00 h aproximadamente, aínda que non é necesario estar presente durante todo o acto.
Como en ocasións anteriores, gustaríanos reunir arredor de 25 ou 30 persoas nun espazo público para ler. Ademais, tamén se pode escoitar, compartir e recomendar as lecturas que nos gustan, e celebrar así o Día do Libro facendo da lectura un acto de socialización.
Este ano contamos cun aspecto innovador: previa inscrición no noso canal de YouTube, poderase seguir en directo o XII Dar de ler coma quen dá de beber. Só hai que entrar nesta ligazón e premer en SUBSCRIBIRSE: https://www.youtube.com/user/espazolectura

A idade mínima para participar é de 14 anos.

Que hai que facer para participar?

– Escolle un fragmento dun libro, preferiblemente en lingua galega, cuxa lectura non exceda os 3 minutos (é moi importante cinguirse ao tempo).

– Comunícanos que queres participar escribindo ao correo electrónico de Espazo Lectura (espazolectura@gmail.com) ou chamando ao número 655 553 930 e indícanos o título e o nome do autor ou autora seleccionado.

– Para organizar máis facilmente o acto, dinos tamén se prefires ler entre as 12:00 h e as 13:00 h ou entre as 13:00 h e as 14:00 h. Tentaremos, na medida do posible, aternos a esa elección e evitar en todo caso que haxa cambios con respecto á orde fixada.

Agardamos poder contar cunha ampla participación!

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com