A Portada publicado por

Espazo Lectura decide suspender todas as actividades infantís na Biblioteca Pública de Gondomar por desacordo co goberno municipal

Espazo Lectura decide suspender todas as actividades infantís na Biblioteca Pública de Gondomar por desacordo co goberno municipal

Logo de once anos realizando voluntariado con actividades de fomento da lectura na Biblioteca Pública de Gondomar, Espazo Lectura acordou suspender todas as actividades infantís na biblioteca de xeito indefinido a consecuencia da falta de entendemento co goberno municipal e, sobre todo, da reorganización que os responsables municipais levaron a cabo na biblioteca, reorganización que supón un retroceso con respecto a algunhas das escasas conquistas logradas ao longo destes anos, que anula o espazo infantil, que reduce os usos bibliotecarios, que converte a biblioteca nun lugar menos flexible e máis unitario e dificulta enormemente a realización das actividades de Espazo Lectura.

Ante estes feitos e, sobre todo, debido á falta de vontade dos responsables municipais para contrastar os cambios realizados coas necesidades reais dunha biblioteca do século XXI e á falta de vontade para establecer un diálogo ao respecto con Espazo Lectura, a asociación de referencia no ámbito do fomento da lectura en Galicia, decidiu nunha reunión da súa Xunta Directiva a suspensión indefinida de todas as actividades infantís que se levaban a cabo na Biblioteca Municipal de Gondomar, a convocatoria inmediata do seu Consello Operativo para debater as liñas a seguir, a presentación dos argumentos da asociación e a elevación deste documento a todos os grupos políticos municipais, a petición de que se leve a pleno a precaria situación da biblioteca municipal e as relacións do Concello de Gondomar con Espazo Lectura, así como a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria para o mes de maio na que todos os socios e socias da asociación deberán tomar unha decisión definitiva con respecto ás liñas a seguir ante unha posible suspensión definitiva de todas as actividades de Espazo Lectura na Biblioteca Municipal de Gondomar, que se trasladarían a outros espazos de uso público do Val Miñor, como a Casa da Lectura, sede da asociación.

Ante esta situación, a asociación Espazo Lectura, galardoada cos Premios de Dinamización Sociocultural Everest (2009), Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia (2009 ), Premio Francisco Fernández del Riego da Asociación Galega de Editores (2010) e Premio á Mellor Iniciativa Cultural ou de Fomento da Lectura na Gala Galega do Libro Galego (2016) quere puntualizar as seguintes cuestións:

1) Hoxe en día xa non é concibible a existencia dunha biblioteca pública que careza de zona infantil. Non hai máis que lembrar as Directrices IFLA/Unesco para o Desenvolvemento do Servizo de Bibliotecas Públicas, que no seu apartado 3.4.2. di expresamente que «As bibliotecas públicas teñen unha responsabilidade especial no que se refiere a apoiar o proceso de aprendizaxe da lectura e a promover os libros e outros medios entre os nenos e nenas».

Contomar_152) As obras realizadas recentemente na Biblioteca Pública de Gondomar anulan a zona infantil e o mobiliario invade a tarima que delimitaba ese espazo, tarima que se instalou por orde do anterior goberno municipal de acordo con Espazo Lectura, en función das necesidades das actividades infantís para facilitar a realización do Contomar cada luns.

3) As obras realizadas na Biblioteca Municipal de Gondomar redúcense á colocación dunha iluminación máis axeitada (que mellora, sen dúbida, a anterior), ao pintado das paredes (que contribúe a manter en bo estado material a biblioteca) e á recolocación do mobiliario xa existente, que se realizou buscando a amplitude do espazo pero ignorando as necesidades reais dunha biblioteca pública e, moi especialmente, a dunha biblioteca pública que conta cun ambicioso proxecto de actividades como o que ofrece ano tras ano Espazo Lectura.

4) Esta reubicación do mobiliario invalida a zona infantil da biblioteca, dificulta a realización da maioría das actividades infantís e imposibilita a realización doutras como a Noite na Biblioteca porque fai impracticable a necesaria retirada do mobiliario. Os voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura, que realizan un traballo social arredor do libro e a lectura de xeito totalmente desinteresado agradecen que se lles facilite, na medida do posible, o seu traballo, e non comprenden, baixo ningún punto de vista, que se lles poñan dificultades e que non exista vontade para dialogar nin solucionar os problemas, nunha actitude por parte do goberno municipal que nos fai preguntarnos se realmente desexan manter as actividades ou se no fondo lles resultan molestas.

5) A nova distribución do mobiliario da Biblioteca Municipal de Gondomar unifica os mínimos espazos que existían anteriormente, e mesmo fai desaparecer o espazo de estudo que estaba situado na planta superior, á entrada do antigo salón de plenos. Ese espazo era ocupado por algúns usuarios/as da biblioteca durante a realización das actividades de Espazo Lectura, nomeadamente o Contomar, que ata o de agora, e desde 2006, tiña lugar os luns ás seis da tarde. A ese respecto, volvemos citar as Directrices IFLA/Unesco para o Desenvolvemento do Servizo de Bibliotecas Públicas, nas que se indica, no apartado 1.3.4. que «a biblioteca pública debe intentar satisfacer as necesidades de todos os grupos da comunidade independentemente da súa idade ou condición física, económica ou social».

6) As necesidades máis urxentes que ten a Biblioteca Pública de Gondomar e que Espazo Lectura vén reclamando desde hai anos (e que entregamos durante cada período electoral nun documento público a todos os grupos políticos do concello) son as seguintes:

  • A creación de distintos espazos de uso que contemplen zonas que, na medida do posible, non interfiran entre si e que atendan as distintas necesidades dos usuarios/as, incluída a zona infantil, sala de estudo e un espazo diferenciado para albergar as coleccións.
  • A renovación de todo o mobilidario da biblioteca, debido a que o actual é anticuado, inaxeitado e mesmo perigoso, cuestión da que os voluntarios/as de Espazo Lectura advertiron reiteradamente: algunhas das estanterías son inestables e as mesas e as cadeiras son moi pesadas e inapropiadas para o público infantil, tanto que podería chegar a causar accidentes. O mobiliario dunha biblioteca ten que ser lixeiro, flexible e multifuncional, ademais de específico para os usuarios infantís. Pola contra, as mesas e cadeiras para o público infantil da biblioteca de Gondomar son mesas e cadeiras normais ás que se lles serraron as patas.
  • A Biblioteca Municipal de Gondomar carece dun orzamento anual dedicado á compra de libros; os libros non se renovan nin actualizan e moitos dos fondos están completamente desfasados. A ese respecto a maioría dos usuarios e usuarias son conscientes da inutilidade da biblioteca para servizo de consultas e, mesmo, para a maioría das funcións do servizo de préstamo bibliotecario. Neste punto, volvemos citar as directrices da IFLA/Unesco: « Os niveis apropiados de financiamento son cruciais para que unha biblioteca pública desenvolva as súas funcións con éxito. Sen un financiamiento axeitado a longo prazo é imposible elaborar políticas de prestación de servizos nin facer o mellor uso posible dos recursos dispoñibles». (punto 2.4)
  • Ademais, tamén é imprescindible realizar un expurgo profesionalizado e eficaz dos fondos actuais da Biblioteca Municipal de Gondomar.
  • A axeitada catalogación, etiquetaxe e sinalización dos fondos da biblioteca é outra das cuestións pendentes. Evidentemente, nestes momentos non se cataloga porque non existen novas adquisicións, pero tamén porque non existe persoal co perfil axeitado que saiba facelo.
  • A creación da praza dun bibliotecario/a público coa imprescindible formación en biblioteconomía é outra das demandas históricas de Espazo Lectura aos distintos gobernos municipais. Esa praza non pode ser, de ningún xeito, ocupada por un bolseiro que case sempre descoñece por completo como funciona unha biblioteca pública e que, por permanecer no posto un tempo limitado, non permite traballar nin con criterios profesionalizados nin coa continuidade e estabilidade necesarias.

19_Noite_biblioteca7) A Biblioteca Municipal de Gondomar recibiu ao longo destes últimos anos a diversas persoas que teoricamentdebían desenvolver o seu labor profesional na biblioteca. Lamentablemente, estas persoas, que proceden maioritariamente –pero non só– das listas de bolseiros de Deputación de Pontevedra, case nunca teñen o perfil nin os coñecementos necesarios para levar a cabo o seu labor. Algunhas desas persoas esforzáronse en colaborar e algunhas mesmo fixeron catalogación dos fondos, mentres que outras se limitaron a acudir ao seu posto de traballo, permanecendo alleas ao funcionamento da biblioteca municipal, sen mostrar o máis mínimo interese por realizar as tarefas propias da biblioteca ou mesmo con actitudes e prácticas contrarias ás normas da propia biblioteca. Nestes últimos anos, ningún responsable do goberno municipal realizou un seguimento destas persoas, das responsabilidades, actitudes e comportamentos, xa que a maior parte do tempo permanecen soas a cargo dun traballo que non entenden nin realizan.

8) A Biblioteca Pública de Gondomar é a única biblioteca municipal do Val Miñor que carece de orzamento regular para a compra de fondos; a Biblioteca Pública de Gondomar é a única biblioteca municipal do Val Miñor que carece de zonas diferenciadas para os distintos tipos de usuarios/as; a Biblioteca Pública de Gondomar é a única biblioteca municipal do Val Miñor que carece dun responsable bibliotecario/a.

9) As melloras reais da Biblioteca Municipal de Gondomar nestes últimos anos están ligadas á aparición e desenvolvemento das actividades de Espazo Lectura. Cando comezamos a realizar o Contomar, en febreiro de 2006, a biblioteca municipal só abría tres horas polas tardes, carecía de usuarios, e non facía rexistro do servizo de préstamo. A Biblioteca Municipal de Gondomar era un lugar morto, no que non existía conexión a Internet, que carecía de fondos actualizados, de zonas de uso e, sobre todo, de usuarios. O comezo das actividades de Espazo Lectura deu lugar a algúns logros relevantes, aínda que moi insuficientes, que converteron a biblioteca nun lugar máis vivo:

  • As familias afixéronse a visitar regularmente a Biblioteca Municipal de Gondomar e a trasmitirlles aos seus fillos e fillas que se trataba dun espazo importante para a súa formación e ocio.
  • As familias afixéronse a levar libros en préstamo. Espazo Lectura tivo que concienciar aos responsables políticos e ao responsable da biblioteca da necesidade de rexistrar eses préstamos, pois inicialmente facíanse sen ningún tipo de rexistro.
  • O servizo de préstamo comezou a funcionar na Biblioteca Municipal de Gondomar como un servizo á comunidade, relacionada coa lectura, a educación, a formación, a documentación, o ocio e o divertimento.
  • Pouco a pouco Espazo Lectura logrou convencer aos responsables políticos de que non era posible que unha biblioteca municipal abrise unicamente tres horas polas tardes, dado que o servizo a prestar era, a todas luces, incompleto. A presión da asociación logrou que a biblioteca se abrise tamén en horario de mañá.
  • Ao longo destes anos, desde un diálogo e unha colaboración imprescindibles que agora non existe, Espazo Lectura foilles trasmitindo aos diferentes responsables municipais as principais necesidades da biblioteca (conexión a Internet, actualizacións e xestións de fondos, organización de espazos, etc.) e asesorou e colaborou na mellora dos servizos facendo listaxes dos fondos que era necesario adquirir e facendo propostas que favorecían a necesaria convivencia de espazos e usuarios.

10) Todos os retrocesos que se producen agora na Biblioteca Municipal de Gondomar fan que cunda o desánimo entre o voluntariado de Espazo Lectura, que ve como todo o seu traballo desinteresado se anula sen ningún tipo de criterio racional e sen diálogo posible. Xa que logo, Espazo Lectura, como asociación, non está disposta a continuar traballando de forma voluntaria, coa entrega habitual dos seus integrantes, cando ese traballo non se ten en consideración. Desde Espazo Lectura decidimos trasladar algunhas desas actividades á Casa da Lectura, onde tamén realizamos unha programación regular e estable, e inicar a busca de novos espazos para outras actividades.

IMG_764011) Ao noso entender, as relacións de Espazo Lectura co goberno municipal deben basearse nunha
comunicación fluída, na que se faciliten as necesidades que lle xurden á asociación para o correcto desenvolvemento das actividades
, que, teoricamente, realizamos en colaboración co Concello; na que haxa resposta aos correos que se envían; que se establezan nun marco de respecto e consideración cara ao traballo desenvolvido e na que os responsables municipais mostren algún interese por coñecer o traballo que se realiza día a día e, cando menos nalgunha ocasión, poidan comprobalo cos seus propios ollos, dado que, desde a chegada deste novo goberno municipal ningún responsable do Concello acudiu nunca a ningunha actividade da asociación, malia seren convidados de xeito reiterado. Non esquezamos que Espazo Lectura contribúe co seu labor a acadar obxectivos que a propia administración local debería perseguir,  así que non podemos consentir que se ignore o traballo desenvolvido e que se prive á cidadanía de Gondomar dunha programación de actividades de reputada calidade que ademais xurdiron por iniciativa cidadá.

12) Precisamente por todos estes motivos resulta, cando menos, incómodo que non se contrastasen con Espazo Lectura as obras que se ían realizar na Biblioteca Municipal, de tal xeito que fosen acordes coas necesidades da dinamización lectora, non só por evidentes cuestións prácticas senón xa, simplemente, por deferencia. Os cambios realizados complican, en vez de facilitar, a realización desas actividades, así que lembramos novamente o punto 3.4.2. das Directrices IFLA/Unesco para o Desenvolvemento do Servizo de Bibliotecas Públicas, onde se di que as bibliotecas públicas «deben organizar actividades especiais para os nenos e nenas, como narracións de historias e actividades relacionadas cos servizos e recursos da biblioteca. Débese animar aos máis pequenos a utilizar a biblioteca desde os primeiros anos, o que fará máis probable que continúen a ser usuarios máis adiante». Así mesmo, lamentamos que durante as obras desaparecese o material elaborado por Espazo Lectura que se empregaba nas distintas sesións de animación. Unha parte dese material foi posteriormente recuperado tras ser reclamado e outra continúa desaparecido.

13) A actual colaboración do Concello de Gondomar con Espazo Lectura, lonxe de ter unha medida humana baseada na comprensión e no diálogo fluído, redúcese a manter, por parte do goberno municipal, unha reserva de crédito de 5.000 euros, que procede de mandatos anteriores, practicamente desde o nacemento da asociación, e que se destina exclusivamente ao pago dos escritores e escritoras que acuden aos distintos clubs de lectura na Biblioteca Municipal, ao pago de espectáculos que se contratan en datas sinaladas na Biblioteca Municipal, e ao pago dos profesionais de animación á lectura que se demandaban para a programación. Eses cartos, que xestiona Espazo Lectura, págallos directamente o Concello aos artistas contratados ao presentaren as súas facturas e iso é así, por vontade expresa de Espazo Lectura e para manter a máxima transparencia na xestión do diñeiro público. En definitiva, son cartos da cidadanía de Gondomar que se empregan na dinamización lectora da Biblioteca Pública de Gondomar.

Evidentemente, todas as persoas pertencentes a Espazo Lectura traballan, como non pode ser doutro xeito, de forma desinteresada e sen cobrar.

Así mesmo, todas as actividades que se programan na Casa da Lectura, en Donas, que é a sede da asociación e, ao tempo, unha biblioteca dotada de fondos actualizados e catalogados dentro da Rede de Bibliotecas de Galicia, fináncianse con cartos propios de Espazo Lectura, procedentes das cotas dos seus socios e socias.

IMG_576014) As relacións de Espazo Lectura co actual goberno muicipal resultaron difíciles xa desde o primeiro momento, etardamos varios meses en ter un interlocutor ao que nos dirixir, xa que nin o propio goberno tiña claro de que concelleiro/a debía depender a Biblioteca Municipal, pasando por catro interlocutores diferentes, entre eles o propio alcalde, o cal dificultou enormente definir liñas de actuación e colaboración e obter unha resposta para as nosas necesidades puntuais na realización das actividades. A día de hoxe, conseguimos que se regulasen as rutinas de uso da biblioteca para as actividades, pero a comunicación continúa a ser difícil e lamentablemente desde Espazo Lectura, temos a sensación –case evidencia– de que desde instancias municipais non se comprende o proxecto que propoñemos e que levamos once anos poñendo en práctica, desde a fundación do Contomar, que agora decidimos suspender.

Non obstante, a programación intensiva e regular de Espazo Lectura converteu a Gondomar nun referente do libro e a lectura en toda Galicia, e polas nosas actividades pasaron xa máis de 150 escritores, contacontos, ilustradores/as, editores/as, músicos, tradutores/as e espectáculos que fixeron do concello de Gondomar un lugar de encontro arredor do libro e a lectura, espertando tamén interese fóra de Galicia, como se pode ver polas diversas ocasións en que fomos convidados a presentar o noso proxecto en distintos foros de España e Portugal. A maiores, o proxecto de Espazo Lectura impulsouse, no fundamental, baixo o lema «Gondomar lendo para medrar» e constaba de outras moitas ambiciosas iniciativas que non fomos quen de levar a cabo por falta de apoio, sendo unha das máis salientables o proxecto da Casa da Lectura.

15) O proxecto da Casa da Lectura é unha ambiciosa iniciativa para converter a actual sede de Espazo Lectura nun centro de dinamización do libro e a lectura a través dun proxecto arquitectónico realizado polo estudio de arquitectura de Javier A. Franco Rabuñal e Vicente Pintos Santiago, que foi asumido economicamente polo anterior goberno municipal. O proxecto está feito e pagado e obra en poder do actual goberno municipal. Evidentemente, necesitaríase unha administración comprometida e capaz de desenvolvelo. Trataríase dun centro de dinamización lectora, cunha parte museística, que integraría a Casa da Lectura coa vella casa do mestre e outras novas edificacións engarzadas nun proxecto unitario. O centro constaría dunha biblioteca pública totalmente versátil e actualizada, un laboratorio do libro e a lectura (no que se abordaría a lectura de xeito interdisciplinar e cunha ollada contemporánea), unha mediateca, unha comiteca, un espazo infantil que incluiría bebeteca, un xardín dos libros, e outra parte museística e expositiva, así como unha programación estable de actividades en torno ao libro e a lectura.

A Casa da Lectura é unha antiga e pequeña edificación escolar que no ano 2008 estaba en desuso e
dependía do CEIP Souto Donas. Espazo Lectura chegou a un acordo co devandito centro escolar, que lle cedeu o espazo –naquel momento dependente da Consellería de Educación–, así como coa propia Consellería da Xunta de Galicia, que aportou algunhas dotacións para crear un espazo bibliotecario
no que realizamos servizo de préstamo P1160549informatizado, con fondos permanentemente actualizados, que se poden consultar dentro da Rede de Bibliotecas de Galicia. O voluntariado de Espazo Lectura, no seu tempo libre, levou a cabo as obras de reforma e axeitamento do edificio para convertelo nunha biblioteca viva ao servizo da animación lectora, espazo que foi inaugurado en maio de 2009. Desde entón, Espazo Lectura promoveu, de acordo co goberno municipal de Gondomar naquel momento, un proceso de desafectación para que a titularidade do lugar pasase da Consellería de Educación ao Concello de Gondomar, proceso que finalmente chegou a bo termo e se conseguiu algúns anos despois.

16) Espazo Lectura é unha asociación de voluntariado que traballa a favor do libro e a lectura e, en definitiva, da educación e o benestar da cidadanía, aberta ao diálogo, á negociación e integrada por persoas entusiastas que dedican o seu tempo libre a traballar a favor da comunidade. Contamos con 32 entidades que son socias-protectoras de Espazo Lectura, 17 das cales son centros de ensino do Val Miñor. Cremos profundamente no que facemos e gustaríanos sentir que os responsables políticos que nos representan son capaces de arrouparnos nesta ilusión común que, en definitiva, é un proxecto que privilexia e referencia a Gondomar coa vangarda da cultura, da lectura e da educación. É dicir, co progreso e co futuro.

 

 

Facebook Twitter Digg Email
1

2 Comments