Espazo Lectura ferve

A oferta lectora de Espazo Lectura é cada vez maior, máis estable e destinada a un público máis variado de aí que ás veces sexa imposible rexistrar neste blog todas as actividades que se están a realizar semanalmente con anotacións propias.

Tal é o caso da segunda sesión de animación que se desenvolveu na Casa da Lectura o mércores pasado, 23 de maio, á cal se achegaron unhas 20 persoas entre nenos/as e nais/pais para consultar o fondo bibliotecario co que conta este novo espazo e participar nunha sesión de contacontos na cal se leron os seguintes títulos:

  • A pequena árbore, de Ánxeles Ferrer
  • O gato con botas, de Xosé Ballesteros
  • Gato Guille e os monstros, de Rocío Martínez
  • Frederick, de Leo Lionni
  • O traxe de luces, de Didier Levy
  • Cerca, de Natalia Colombo


O sábado 30 de maio celebramos a última sesión do curso do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, na que contamos coa presenza de Xabier P. DoCampo que nos visitou con motivo da lectura da súa obra A nena de auga e o príncipe de lume. Nunha divertida e moi enriquecedora sesión, Xabier falounos do papel que xogaron e seguen a xogar os contos nas diferentes socidades, da necesidade primaria que temos os seres humanos de contar e da importancia da literatura para comprender o mundo. Como bo contador de contos que é, despediuse cunha fermosa historia que nos ensinou o verdadeiro valor das cousas e o sentido da xustiza.


O luns 1 de xuño puidemos por fin celebrar (grazas á colaboración de Edicións Xerais e Política Lingüística) a despedida do Contomar ata a volta do verán coa representación da obra de teatro Ratiña Linda, a cargo da compañía Casa Hamlet, baseada no conto de Bernardino Graña Rata linda de Compostela. Sesión á que acudiron á Biblioteca Municipal de Gondomar máis de 90 nenos e nenas.

O martes, 2 de xuño, celebramos tamén a última sesión do curso do Club de Lectura Sete Vidas centrado no libro Porca terra de John Berger. Esta tamén foi unha sesión especial porque puidemos compartir impresións co seu tradutor, Xoán Abeleira, que nos falou, entre outras cousas, do seu traballo como tradutor, da súa concepción da tradución como creación e a quen lle agradecemos que fixese posible que puidésemos sentir os campesiños da Alta Savoia francesa dos que fala Berger no seu libro como labregos de noso.



Ademais, ao longo destas últimas semanas, Espazo Lectura segue a participar en actividades de animación á lectura en diferentes centros de ensino do Val Miñor.