Espazo Lectura participa na oferta de formación do Salón do Libro de Pontevedra no curso “Lecturas compartidas: crear e dinamizar clubs de lectura na aula”

Dende o 6 ao 10 de novembro de 2017, o Salón do Libro de Pontevedra, dentro da súa oferta de formación, organiza o curso LECTURAS COMPARTIDAS: Crear e dinamizar clubs de lectura na aula, no que esta tarde participa Espazo Lectura a través de Concha Costas, ex-presidenta desta asociación e unha das actuais coordinadoras do Comando Le.

Segundo a organización, este curso pretende ofrecer unha axuda ao profesorado que quere iniciarse, ou perfeccionar, a creación e desenvolvemento dun club de lectura nos centros de ESO e Bacharelato. Baseándose en experiencias sólidas e exitosas de xestión de clubs, cinco profesionais do ensino e da xestión de bibliotecas escolares ofrecerán distintas perspectivas, técnicas, loxísticas, de contido e recursos sobre a posta en marcha dun club de lectura. O curso será impartido en cinco sesións de dúas horas cada unha, de 18,00 a 20,00 horas do 6 ao 10 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Impartirán as sesións: Cristina Novoa (responsable da Asesoría das Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia), Gracia Sactorum (Trafegando Ronseis), Concha Costas (Comando Le, de Espazo Lectura), Julio César Abalde (Club do IES Ribeira do Louro) e Anxos Rial (Clubs de Lectura do Sánchez Cantón).