Espazo Lectura prepara as xornadas “Lendo en familia” que se van celebrar no mes de outubro

A familia é o primeiro espazo onde os nenos e nenas poden entrar en contacto co libro e a lectura, polo que resulta fundamental que as nais e pais tomen conciencia do seu papel como mediadores entre os seus fillos e a lectura e que asuman con ilusión ese labor de aprendizaxe compartida. Espazo Lectura é consciente de que a formación e o intercambio de experiencias son importantes para que as nais e pais se sintan seguros e acompañados nese camiño.

As xornadas Lendo en familia, que se celebrarán en Gondomar no mes de outubro e destinadas fundamentalmente a nais e pais, queren ser un paso máis nese esforzo por compartir lecturas:

  • para aprender a contar contos e a ler cos nosos fillos e fillas
  • para reflexionar sobre a importancia da lectura na súa formación
  • para coñecer o que se está a publicar en literatura infantil e xuvenil
  • para divertirse e aprender trucos e para coñecer as ferramentas que poden axudarnos a gozar dese proceso…

Dentro do programa inclúense conferencias e obradoiros a cargo de Concha Costas (presidenta de Espazo Lectura), Cristina Novoa (asesora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación), Paula Carballeira (escritora, contadora e actriz), Dolores Vilavedra (profesora da Universidade de Santiago), María do Cebreiro (escritora) ou Agustín Fernández Paz (escritor).

Un comentario

  1. EStou desexando que empecen esas xornadas ,xa que vai a ser un honor estar con tantas persoas interesantes. Adiante Contomar! Saúdos dende Bibliobelesar.

Os comentarios están cerrados.