Novas da asociación publicado por

Espazo Lectura recibe o segundo premio Dinamización Sociocultural Everest

Espazo Lectura recibe o segundo premio Dinamización Sociocultural Everest

O proxecto de dinamización lectora da asociación Espazo Lectura foi galardoado en León co segundo Premio de Dinamización Sociocultural Everest na súa primeira convocatoria. Este premio é unha iniciativa do Departamento de Relacións Institucionais do Grupo Everest cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos e experiencias que se realizan a nivel estatal para o fomento da cultura e o hábito lector.
Con este galardón preténdese dar a coñecer o traballo diario realizado desde bibliotecas, concellerías e asociacións.

O labor de Espazo Lectura resultou premiado entre numerosos e importantes proxectos de institucións, bibliotecas e asociacións de todo o Estado e será entregado nos vindeiros días en Galicia. O premio está dotado con 3.000 euros en dotación bibliográfica e equipamento bibliotecario e tamén suporá a presentación e divulgación do proxecto en León durante o próximo mes de xuño.

O ditame pon de relevo o traballo en fomento da lectura que se está a desenvolver en Galicia. Entre os tres proxectos premiados, dous son galegos: o segundo premio, que recaeu en Espazo Lectura, e o terceiro, para o proxecto desenvolvido pola Biblioteca Municipal da Illa de Arousa. O primeiro premio recoñeceu o proxecto “25 años a la Luna de Mislata”, desenvolvido pola Biblioteca Pública Municipal de Mislata (Valencia).

Este premio amplía a difusión do proxecto de Espazo Lectura alén do territorio galego. Neste sentido, a asociación tamén foi convidada o pasado mes de decembro a presentar o seu traballo en Bilbao, nunhas xornadas que se van desenvolver no vindeiro outono, no ámbito do proxecto cultural do Alhóndiga Bilbao, de próxima inauguración.

Desde Espazo Lectura queremos agradecer especialmente o alento, apoio e confianza dos socios, socias, dos socios protectores, dos autores e autoras e das persoas que participan nas nosas actividades por contribuír ao fortalecemento da asociación e á consecución dos obxectivos que perseguimos.

Facebook Twitter Digg Email

5 Comments

  • Dende a Asociación Galega de Editores queremos enviarvos un feixe de parabéns por este recoñecemento que, sen dúbida, merecedes. Grazas polo voso traballo a prol do libro. AGE

  • Parabéns por este traballo e por todo o labor feito no Val Miñor n(bibliotecas, colexios, institutos…) nos últimos anos.

  • Dende a directiva do anpa Pousa de Fontan, queremos enviaros os nosos parabéns, e animaros a seguir con esta labor que tanto disfrutan os nenos da bisbarra e especialmente os do noso centro.

  • Moitas Felicidades a todos os que traballades neste proxeco de E.L. Dende o colexio de Belesar agradecémosvos todas as actividades que facedes para impulsar a lectura entre pequenos e maiores. Estamos moi orgullosos de ter tan pretiño, xente coa vosa valía!!! Non decaigades!!

  • Mooitísimos parabéns por ese premio tan merecido e por un traballo envexa de toda Galiza

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com