A Portada publicado por

Espazo Lectura suspende definitivamente todas as actividades na Biblioteca Municipal e renuncia á reserva de crédito do Concello de Gondomar

Espazo Lectura suspende definitivamente todas as actividades na Biblioteca Municipal e renuncia á reserva de crédito do Concello de Gondomar

O pasado 6 de maio, a Asemblea Xeral Extraordinaria de Espazo Lectura tomou o acordo de suspender todas as actividades na Biblioteca Municipal e renunciar á reserva de crédito de 5.000 euros que o Concello de Gondomar destinaba a pagar as actuacións e visitas dos escritores e escritoras contratados pola asociación para levar a cabo a programación da biblioteca.

Con todo, o acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, do que se informou aos responsables municipais de xeito inmediato, daba un prazo de cortesía ao alcalde de Gondomar para que retomase o diálogo con Espazo Lectura e cumprise o mandato no Pleno do Concello, celebrado o pasado 6 de abril e aprobado pola maioría dos grupos políticos, dando resposta, á necesidade de buscar o consenso e solucionar os problemas, tal e como manifestou unha boa parte da cidadanía, incluindo a maioría das institucións educativas do Val Miñor, que incidían no mesmo sentido.

Este 25 de maio rematou o prazo de cortesía sen que, lamentablemente, o alcalde Paco Ferreira mostrase ningunha vontade de recuperar o diálogo logo de dous meses de conflito, ignorando a unanimidade das voces a ese respecto. En consecuencia, Espazo Lectura procede a cumprir o acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria suspendendo de xeito definitivo –cando menos ata que exista vontade política para mudar esta esperpéntica situación– todas as activades na Biblioteca Municipal de Gondomar e renunciando á devandita reserva de crédito de 5.000 euros.

Lamentamos profundamente a actitude do alcalde

Tanto a Xunta Directiva de Espazo Lectura como o seu Consello Operativo e todo o seu voluntariado lamentan profundamente a negativa do alcalde a recuperar o diálogo coa asociación, a pesar de todos os esforzos realizados e de toda a presión social que se derivou desa negativa, incluído o mandato do Pleno do Concello (apoiado por Manifesto Miñor, PP, CABE e Iniciativa por Gondomar) e a solidariedade con Espazo Lectura mostrada pola inmensa maioría dos centros de ensino do Val Miñor. En Espazo Lectura non podemos entender a actitude do alcalde.

Fixemos todos os esforzos posibles por recuperar o diálogo

A pesar do conflito derivado desa actitude dos responsables municipais, o alcalde e a Concelleira de Educación foron convidados a participar nas actividades da Semana do Libro e a Lectura que organizamos en abril, convite que lamentablemente non aceptaron. Desde Espazo Lectura demos reiterados e inequívocos sinais da nosa vontade para buscar o diálogo e, a maiores, os nosos socios e socias enviaron, por correo electrónico, nestes últimos 20 días, máis de medio cento de escritos, asinados por distintas persoas, solicitándolle ao alcalde «que faga cumprir o acordo do Pleno Municipal do pasado 6 de abril de 2017 e que se poña en contacto con esta asociación para retomar a necesaria comunicación entre as dúas entidades». Ademais, como xa manifestamos, no mes de abril diversos centros de ensino do Val Miñor apelaron ao alcalde e ao seu equipo realizando solicitudes de diálogo, solicitudes que foron presentadas por rexistro no Concello de Gondomar.

Dous anos de problemas continuados e públicos

Os problemas de relación e comunicación de Espazo Lectura co Concello de Gondomar prodúcense desde o inicio da toma de posesión do alcalde e, nestes dous anos, Espazo Lectura pasou a depender, coma se fose unha pataca quente, de catro concelleiros distintos, incluído o propio alcalde. Dada a complexidade e as dificultades, cheas de despropósitos, que o voluntariado de Espazo Lectura foi atopando para desenvolver o seu traballo diario con normalidade, hai máis dun ano, aproveitando a renovación da Xunta Directiva da asociación, fixemos público un documento no que, xa daquela, se avisaba tanto da «precariedade da biblioteca municipal» como das «difíciles relacións coa administración». O documento foi enviado tamén a todos os grupos políticos con representación municipal, así como a todos os socios e socias (marzo de 2016). A maiores, a ex-presidenta Concha Costas transmitiulle por correo electrónico ao alcalde os problemas e dificultades que viviamos día a día, correo ao que este respondeu dándolle a razón. Pero as cousas non melloraron, senón todo o contrario, chegando á actual situación.

A reserva de crédito de 5.000 euros

Esa reserva de crédito de 5.000 euros á que Espazo Lectura renuncia agora viña facéndose practicamente desde o inicio da existencia da asociación para poder sufragar a programación que, de xeito voluntario e desinteresado, Espazo Lectura viña organizando na Biblioteca Municipal nos últimos doce anos. Ese diñeiro, que por vontade propia de Espazo Lecura nunca pasou polas nosas contas a fin de garantir a máxima transparencia, destinábao o Concello para pagar directamente os gastos de escritores/a, tradutores/as, ilustradores/as contacontos e outros espectáculos. A día de hoxe, Espazo Lectura pode asegurar que nunca desde a súa fundación ingresou nin sequera un euro procedente do Concello de Gondomar. A maiores todas as actividades que Espazo Lectura realizou e realiza na Casa da Lectura, en Donas, págaas coas cuotas que aportan os seus socios e socias, aínda que o mantemento do lugar (auga, luz e poda do xardín) lle corresponda, loxicamente, ao Concello de Gondomar.

Unha actitude que rompe con 12 anos de traballo voluntarista

Ata o de agora, mellor ou peor, ao longo destes case doce anos, Espazo Lectura atopou sempre espazos de convivencia e colaboración cos distintos gobernos que foron ocupando a institución municipal, así como condicións que posibilitaron o deseño dunha importante programación na Biblioteca Municipal, condicións que non se dan nestes momentos e que provocan o desánimodo seu voluntariado polo desconsiderado entorpecemento da acción de Espazo Lectura.

Espazo Lectura manterá as súas actividades noutros lugares

O voluntariado de Espazo Lectura continuará desenvolvendo con normalidade o seu labor de dinamización e fomento da lectura, especialmente na Casa da Lectura, onde a asociación creou ao longo de todos estes anos unha biblioteca moderna e funcional aberta ao público e onde ten a súa sede. Tamén se buscarán outros espazos alternativos que serán anunciados no seu momento. Coma sempre, a todas as actividades de Espazo Lectura poden acudir, de xeito libre e gratuito, as persoas que o desexen, sexan ou non socios e socias da nosa entidade.

Sen dúbida, esta nova situación supón un cambio importante e Espazo Lectura precisará, a partir deste momento, recalcular e redimensionar o seu perfil, buscar novas vías de financiamento e realizar mudanzas orgánicas que faciliten o seu labor e a supervivencia activa das súas actividades.

Club de Lectura na Biblioteca MunicipalSeguiremos reclamando unha biblioteca digna

As grandes perxudicadas por esta decisión provocada pola actitude do alcalde de Gondomar son a propia Biblioteca Municipal e as familias que asistían á programación que Espazo Lectura viña realizando alí.

Desde Espazo Lectura continuaremos demandando unha biblioteca digna para Gondomar , que siga as directrices IFLA/Unesco para o Desenvolvemento do Servizo de Bibliotecas Públicas, e que poña punto final ás graves carencias actuais (inexistencia de bibliotecario/a, inexistencia de orzamento estable, mellora da accesibilidade, modernización do mobiliario, diferenciación de espazos, mellora dos fondos, catalogación, purga, etc). A tal fin, deseñaremos nos vindeiros meses unha estratexia para reivindicar esas melloras.

A Casa da Lectura e o proxecto do Museo do Conto

En 2008, a través dun acordo co colexio de Donas e a Xunta de Galicia, Espazo Lectura converteu o local abandonado dunha escola infantil en desuso e en mal estado, nunha biblioteca de acceso público que fai préstamo de libros ás familias todas as semanas, fundando A Casa da Lectura. Iso foi posible grazas ao traballo do voluntariado de Espazo Lectura nas súas horas libres, e aos distintos acordos e convenios aos que a asociación chegou con distintas entidades, así como e con 12 editoriais. De xeito case simultáneo, impulsamos a desafectación do terreo, que pasou de ser de propiedade autonómica a propiedade municipal.

En 2012, Espazo Lectura iniciou o deseño de contidos dun proxecto para converter a Casa da Lectura, nun importante Centro de Dinamización do Libro e a Lectura, provisionalmente denominado Museo do Conto. Para tal fin, e de acordo con anterior goberno municipal do Concello de Gondomar, que asumiu os custes económicos, encargouse o proxecto arquitectónico ao estudio de Javier A. Franco Rabuñal e Vicente Pintos Santiago. O proxecto foi realizado, entregado no Concello en 2015 e pagado, e obra en poder do actual goberno municipal, aínda que actualmente está paralizado. O centro constaría dunha biblioteca pública totalmente versátil e actualizada, un Laboratorio do Libro e a Lectura (no que se abordaría a lectura de xeito interdisciplinar e cunha ollada contemporánea), unha Mediateca, unha Comiteca, un Espazo Infantil que incluiría Bebeteca, un Xardín dos Libros, e outra parte museística e expositiva, así como unha programación estable de actividades en torno ao libro e a lectura.

Agradecementos

Espazo Lectura agradece tanto aos socios ordinarios como protectores todo o apoio prestado nos últimos meses, e congratúlase da sensibilidade mostrada pola cidadanía de Gondomar.

Facebook Twitter Digg Email
1

Espazo Lectura