Este sábado, banda deseñada na sesión do Comando Le

Este sábado 18 celebraremos na Casa da Lectura a sesión de febreiro do Comando Le. Na primeira parte comentaremos o cómic Merci, de Zidrou&Monin (Norma Editorial), a historia dunha adolescente gótica e rebelde que vive nunha pequena cidade ao norte de Francia, que nos permitirá reflexionar sobre a importancia das novas xeracións na construción do futuro. Na segunda parte, logo da cea compartida, os comandoleiros e comandoleiras poderán poñer a funcionar a súa imaxinación… A sesión celebrarase na Casa da Lectura a partir das 20:00h.
 
Na sesión de xaneiro, tras a lectura previa de Sueños de piedra, de Iria G. Parente e Selene M. Pascual, e de A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre, falamos das desigualdades sociais entre homes e mulleres e das dificultades que as mulleres teñen que superar moitas veces para alcanzar os seus soños ou para acceder a determinados ámbitos sociais e profesionais. O debate continuou na segunda parte, logo de vermos a película “Quiero ser como Beckham”. Aquí vos deixamos algunhas imaxes dese día:  https://goo.gl/photos/DMZ4479NsA9T5CTDA