Este sábado durmimos na biblioteca

Na noite do sábado 1 ao domingo 2 de xuño Espazo Lectura organiza na Biblioteca Municipal de Gondomar a VI Noite na Biblioteca, con actividades que este ano estarán dedicadas ao poemario Contatrás, de Paula Carballeira, no cal está baseado o espectáculo Contatrás que a propia Paula Carballeira, xunto co actor Chiqui Pereira, representarán na biblioteca ao fío da media noite.

Por coincidir a data co acto de peche das escolas deportivas municipais de Gondomar, nas que participan moitos dos nenos e nenas que asisten tamén ás actividades de Espazo Lectura, este ano, excepcionalmente, non se van ofrecer as actividades da tarde abertas ao público que se organizaban en edicións anteriores e teremos só actividades nocturnas para os nenos e nenas que queden a durmir. Os nenos e nenas que se inscribiron chegarán á biblioteca entre as 21:30h e as 22:00h, logo de cear, e participarán en diferentes actividades: un xogo de presentación, unha xincana poética con xogos relacionados cos poemas de Contatrás e o espectáculo poético a cargo de Chiqui Pereira e Paula Carballeira, actriz, contadora e escritora, autora do libro protagonista da noite.

Os nenos e nenas inscritos na actividade deben traer saco de durmir, un pixama, unha muda e as súas cousas de aseo. Ademais de moitas ganas de divertirse e de pasalo ben lendo e xogando cos poemas e coas historias de Paula Carballeira.