Noite na biblioteca publicado por

Este sábado durmimos na biblioteca!

Este sábado durmimos na biblioteca!


O vindeiro sábado, 27 de xuño, Espazo Lectura celebra, coa colaboración do Concello de Gondomar, a segunda edición da Noite na Biblioteca. Por segundo ano, un grupo de 31 nenos e nenas durmirán na Biblioteca Municipal entre palabras, contos e moita maxia. Pero antes de poñer o pixama haberá unha manchea de actividades co libro e a lectura como protagonistas.

O programa consta de dúas partes:

A primeira parte, de acceso libre, celebrarase no exterior a partir das 19.00 horas e está destinada a nenos e nenas de todas as idades. Se a meteoroloxía o permite, será na Praza de Portugal, diante da biblioteca; en caso de que chova, desprazarase a unha carpa situada na alameda.
Os nenos e nenas poderanse inscribir en diversos obradoiros (de ilustración, de elaboración de marcapáxinas, de cancións de conto, de interpretación…). Tamén contaremos coa presenza de Anxo Moure, o Carballo con Botas, que virá montado na súa ciclobiblioteca ateigada de libros e que nos vai agasallar cunha sesión de atrapacontos.

A segunda parte do programa comeza ás 22.00 horas. Será no interior da biblioteca e asistirán os nenos e nenas que se inscribiron previamente. Gustaríanos que fosen moitos máis, pero as limitacións do espazo fan que só poida participar un número reducido.
Logo de cear coas familias, chega o momento de lavar os dentes e poñer os pixamas para que dea comezo unha noite chea de emocións. A biblioteca vaise converter nun lugar de engado coa presenza do Mago Cali, que fará que descubramos A Maxia da Lectura a través do libro Ó outro lado do sombreiro, de Carles Cano, que será agasallado aos participantes grazas á colaboración de Edicións Xerais de Galicia.
Despois da sesión de maxia, leremos contos antes de nos meter nos sacos de durmir e apagar as luces.

Á mañá do domingo, espertaremos con xogos e cancións e almorzaremos todos xuntos. Será o momento de recoller os sacos, as zapatillas e os pixamas; recibir as familias e agardar ata o próximo ano para volver vivir unha noite na biblioteca.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com