Este xoves 4 de xuño reunión do Sete Vidas

O xoves 4 de xuño o Sete Vidas reunirase virtualmente para falar de As confesións dunha filla do século de Donna Paola (Hugin e Munin). A sesión será ás 20:00 por videoconferencia.

As confesións dunha filla do século (1901) é unha novela epistolar na que a protagonista, Viviana, deixa o seu testamento espiritual a través de oito cartas nas que reivindica a súa sexualidade e a súa personalidade.

O xoves 7 de maio o Sete Vidas reuniuse virtualmente para falar dun clásico da nosa literatura: Á lus do candil de Ánxel Fole. Publicada en 1953, Á lus do candil. Contos a carón do lume recolle 14 relatos situados no Courel, O Incio e Quiroga. Destaca o seu uso da lingua popular e do vocabulario propio da zona, e mostra tamén usos e costumes do lugar.

A temática dos relatos xira arredor do sobrenatural, a morte, as aparicións… Os asistentes coincidimos en que nos recordaba os contos de Poe e Lovecraft, con certo toque gótico. Pero tamén nos levou á tradición oral galega e aos contos dos avós. “O documento” foi un dos relatos favoritos, rachando un pouco co estilo da maioría e engadindo un divertido grao de surrealismo que semella un “respiro” á metade da lectura. Tamén gustaron moito “O espello” e “Os difuntos falaban castelao”.