A Portada publicado por

“Fariña”, na última sesión desta tempada do club Lecturas Debuxadas.

“Fariña”, na última sesión desta tempada do club Lecturas Debuxadas.

Na última sesión desta tempada a proposta é “Fariña“, a novela gráfica realizada por Luis Bustos segundo o libro de Nacho Carretero, onde se repasa a historia do contrabando e o narcotráfico en Galiza.

Será por videoconferencia, o martes 16 de xuño, a partir das 20:00h.

O martes 19 de Maio, o Club Lecturas Debuxadas levou a cabo outra xuntanza virtual para falar nesa ocasión de “Irmina”, con guión e debuxo de Barbara Yelin.

A partir dunhas vellas cartas e diarios da súa avoa, Yelin móstranos tres épocas da vida de Irmina: a súa época de estudante en Londres, a vida durante o réxime nazi e a guerra e a súa vellez, algo solitaria.

Ben contado, moi ben narrado, de xeito pausado e tomándose o seu tempo, sen maniqueísmos nin adornos, a autora lévanos pola vida desta moza, que pasa dunha xuventude rebelde e con ganas de progreso a unha muller sometida e asimilada polas falsas esperanzas transmitidas polo nacionalismo alemán.

Unhas ideas nas que Irmina nunca cre, pero coas que se ve obrigada a convivir e mesmo apoiar para poder saír adiante coa súa familia.

O debuxo mestura unha liña por veces dura, expresiva, cun uso da cor en acuarela que envolve toda a obra nunha atmosfera especial, na que a expresión dos sentimentos dos protagonistas contrasta coa vaga recreación das paisaxes, algo desdebuxadas, pero que dan lugar a fermosas páxinas dobres que ambientan e sitúan os espazos.

“Irmina” deu lugar a unha animada charla que, ademais de encomiar esta obra, deu pé para falar moito de decisións vitais, dos influxos do ambiente social nas nosas vidas, e mesmo de historia local.

Club Lecturas Debuxadas 19/05/2020

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com