Inma López Silva, autora convidada no club de lectura Sete Vidas

O día 1 de decembro, xoves, celebraremos na Biblioteca Municipal de Gondomar, a partir das 20:00 h, a sesión do Sete vidas arredor do libro Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva.
Aqueles días en que eramos malas é unha novela áxil e emocionante que transita entre a traxedia e a comedia, unha interesante reflexión sobre o cárcere e dende o cárcere, sobre a privación de liberdade, sobre as circunstancias sociais que converten as persoas en vítimas, neste caso cinco mulleres: unha monxa, unha puta, unha moza colombiana, unha funcionaria de prisións e unha escritora.
Velaí o booktrailer da novela e unha entrevista coa autora:
O xoves día 3 tivemos a sesión do Sete vidas sobre Kallocaína, de Karin Boye. Estivemos acompañados pola tradutora da novela do sueco ao galego, Marta Dalhgren, quen, nun galego exquisito e non exento de retranca no xeito de narrar, nos falou tanto da tradución, a relevancia da autora e a novela Kallocaína en Suecia, como da súa propia traxectoria humana e profesional: dende a chegada a Madrid a inicios dos anos 60, o seu traslado a Vigo, o seu Doutoramento na Facultade de Filoloxía e Tradución… ata converterse en veciña nosa no Val Miñor.  Velaquí dúas imaxes dese día.
6 7