“Irmina”, no club Lecturas Debuxadas de maio

Retomamos a programación habitual no Club Lecturas Debuxadas na sesión do próximo 19 de maio con “Irmina“, de Bárbara Yelin, unha novela gráfica que fala da vida dunha rapaza nova alemá que chega a Londres na procura dun traballo que lle achegue independencia, e como ten que regresar a unha Alemaña no inicio da segunda guerra mundial.

Será por videoconferencia, o martes 19 de maio, a partir das 20:00h.

Na sesión de Lecturas Debuxadas con motivo da Semana do Libro volvémonos xuntar, vía
videochamada, para falar do último álbum de Astérix, “Astérix en Italia”, na súa tradución ao galego de Xavier Senín e Isabel Soto.

Xa sen ningún dos seus creadores, o traballo de sacar novas aventuras dos galos máis famosos da BD recaen no guionista Jean-Ives Ferri e o debuxante Didier Conrad. Este equipo constrúe unha aventura moi na liña dos clásicos Astérix “de viaxes”, chea de personaxes variadas, de lugares e situacións divertidas que fan que a obra avance de xeito rápido, agradable e sempre divertido.

Comparado (inevitablemente) cos mellores de Goscini e Uderzo, quizais se bote en falta certo enxeño no guión e frescura e expresividade no debuxo; pero…é isto polo cariño que lles temos xa aos antigos? Aquí houbo debate…

Na segunda hora tivemos de invitado o tradutor, Xavier Senín, que nos contou, entre outras cousas, o extremo nivel de detalle, control e seguridade ante as filtracións que acompañan os traballos con obras tan icónicas como segue a ser Astérix, ademais de falar sobre a historia e a importancia de que estas BDs tan importantes conten (e xa dende hai tempo…) con traducións á nosa lingua.

Club Lecturas Debuxadas 21/04/2020