A Portada publicado por

Ledicia Costas falará de «O corazón de Xúpiter» co Comando Le

Ledicia Costas falará de «O corazón de Xúpiter» co Comando Le
Este sábado 28 de febreiro de 2015, de 20:00h a 00:00h, celebraremos na Casa da Lectura unha nova sesión do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para rapaces e rapazas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor do tema da privacidade e a identidade en internet e o obxectivo será reflexionarmos xuntos sobre unha serie de problemas que os psicólogos, os educadores e os especialistas en novas tecnoloxías din que están aumentando: problemas de identidade e privacidade na rede, de acoso, de respecto cara aos demais, de dependencia e illamento, de relacións sociais…
A sesión organizarase en dúas partes:
  • 1ª parte. Charla-coloquio coa escritora Ledicia Costas arredor do seu libro O corazón de Xúpiter.
  • 2ª parte. Proxección e debate de varios vídeos sobre identidade e privacidade en internet.

Non pretendemos criticar nin demonizar o uso das novas teconoloxías, pero, como ocorre tamén con moitas outras ferramentas, un mal uso pode supoñer riscos que debemos coñecer e sobre os que queremos reflexionar cos comandoleiros e comandoleiras.

 Deixámosvos a continuación as imaxes da sesión de xaneiro, un obradoiro de cartoneiras, realizado coa colaboración da asociación Astromántica Cartoneira, que nos permitiu encadernar un libro cos textos elaborados polos comandoleiros e comandoleiras nas dúas sesións do obradoiro de creación “Con nocturnidade e poesía”, impartido pola poeta Elvira Riveiro nos meses de novembro e decembro de 2014.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura