Lendo Contigo, Club de lectura compartida

00_Lendo_Contigo_Cabeceira

Club de lectura infantil para familias coa presenza dos autores/as dos libros
Coordinadores: Anxo Iglesias, Luís Domínguez e Yaiza Peixoto
Día: Derradeiro sábado de cada mes (non se realiza en xuño, xullo, agosto e setembro)
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Hora: 12:00 h.
Idades: De 7 a 11 anos (estudantes de Educación Primaria)

Esta actividade está dirixida a nais e pais e a nenos e nenas de 7 a 11 anos e pretende fomentar a lectura compartida en familia. Para iso, cada mes propoñemos un libro co obxectivo de que o lean os nenos e nenas participantes e tamén a súa nai e/ou o seu pai para que poidan comentar todas aquelas cousas que a lectura lles suxira: falar dos aspectos que máis lles gustaron ou interesaron, buscar máis información sobre o autor ou autora, o tema ou o lugar onde se desenvolve a historia, ler outras cousas sobre o mesmo tema, etc.

Acompañamos a proposta de lectura cunha guía na que hai unha pequena ficha e na que se propoñen xogos, concursos e a investigación e ampliación dalgunhas das cuestións que se tratan no libro e que logo se comentan durante a sesión conxunta.  Celébrase o derradeiro sábado de cada mes, entre outubro e maio, ás 12:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar, e habitualmente contamos coa presenza do autor ou autora do libro.

Neste encontro, os nenos e nenas poñen en común todo o que lles suxeriu a lectura e convértense nos verdadeiros protagonistas, acompañados das súas familias que, en moitas ocasións, son tamén parte activa da propia dinámica da sesión.

Participar nesta actividade, ademais de fomentar o hábito lector, favorece a análise crítica dos nenos e nenas, mellora a súa capacidade para expresarse e defender as súas opinións e permítelles coñecer non só escritores e escritoras, senón a outros nenos e nenas cos que compartir o gusto pola lectura.

A este club asisten arredor dunhas 50 persoas e nos cinco anos que ten de historia pasaron por el moitos escritores e escritoras como Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Antón Cortizas, Marica Campo ou Antonio García Teijeiro.