Lendo Contigo e Contos en Cueiros pecharon a Semana do Libro e a Lectura

O sábado 27 de abril clausurouse a Semana do Libro e a Lectura 2013 cunha programación dobre.

O Lendo Contigo foi, máis ca nunca, un club de lectura compartida nunha sesión especial na cal as familias leron O Principiño a dúas voces 70 anos despois da súa publicación.

Na primeira parte do acto, dentro da Biblioteca de Gondomar, coñecemos algo da historia do libro e do autor. Despois, na praza do Centro de Saúde, parellas formadas por un neno ou nena dos que habitualmente participan nesta actividade xunto co seu pai ou nai leron fragmentos da obra de Saint-Exupèry.

Pola súa parte, a actividade de achegamento á lectura para nenos e nenas de 0 a 3 anos, Contos en Cueiros, celebrou unha sesión especial coa obra de teatro para bebés Viaxe a Dadá, a cargo de Teatro da Semente.

Con esta actividade, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, pechou a Semana do Libro cunha completa programación de fomento da lectura con ofertas para todos os treitos de idade. Espazo Lectura agradece especialmente a todas as persoas voluntarias da asociación que fixeron posible, un ano máis, festexar o Día do Libro con todos os veciños e veciñas de Gondomar.